Skip to main content
Actualidade

A Deputación destina 185.000 euros para a renovación do equipamento tecnolóxico da Uned

Por 5 Setembro, 2020Sin comentarios

A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a licitación do contrato para o subministro de material informático e de novas tecnoloxías para o Centro Asociado da UNED en Lugo, ao que a institución provincial destina 185.000 euros.

Concretamente, son ordenadores, impresoras de alto rendemento e sistemas de videoconferencia que permitirán a renovación do equipamento tecnolóxico de diferentes estancias da UNED, como o salón de actos, a aula de extensión, o Centro de Proceso de Datos (CPD) e a sala de AVIP, para o inicio do próximo curso universitario. Esta nova dotación axudará aos docentes a mellorar a calidade dos contidos dixitais da plataforma telemática da Universidade, como as emisións en directo e as gravacións das clases impartidas.

García Porto explicou en rolda de prensa que esta aportación súmase a achegada este ano pola Deputación por preto de 300.000 euros para os gastos derivados do funcionamento do Centro Asociado da UNED en Lugo, como os de dirección e coordinación, administración e servizos, titorías, locais, edificios, instalacións e materiais, ou os desprazamentos de profesores para participar na dirección, xestión e docencia en seminarios e convivencias do centro.

“Deste xeito, renovamos o firme compromiso que mantemos dende a Deputación coa educación en xeral e coa UNED en Lugo en particular, pois foi esta institución a que financiou a construción da sede deste centro, que permitiu a implantación da Universidade a Distancia na cidade, deixando de ser a única capital de provincia en Galicia na que a UNED non tiña centro físico, así como a súa consolidación, pois a día de hoxe inclúe 22 ofertas de titulacións de grao”, subliñou a voceira socialista do Goberno.

Melloras na estrada de Bravos por Foxo a San Pantaleón
Con respecto á rede viaria provincial, a Xunta de Goberno aprobou a licitación por importe de 180.000 euros de melloras na LU-P-3807, que vai de Bravos por Foxo a San Pantaleón, no concello de Ourol. Trátase da vía máis rápida que teñen os veciños da parroquia de San Pantaleón para chegar a Ourol e Viveiro. Os traballos de mellora realizaranse nun treito de máis de 7 quilómetros, entre os puntos quilométricos 0,630 e 7,950, e consistirán no acondicionamento da vía e na reposición de liñas e marcas viarias reflexivas brancas. O prazo de execución é de 9 meses.

A Deputada provincial salientou que as melloras na estrada provincial de Ourol súmanse ás aprobadas nas dúas pasadas xuntas de goberno na rede viaria provincial por un valor total de máis de 1,5 millóns de euros en 10 concellos da provincia: Vilalba, Chantada, Carballedo, Mondoñedo, A Pastoriza, A Fonsagrada, Barreiros, Bóveda, Monforte de Lemos e Trabada.

Reforzo Parque Móbil
Así mesmo, a Xunta de Goberno aprobou o procedemento de contratación dun camión con cisterna de emulsión asfáltica para o Parque Móbil da Deputación, cun orzamento de 65.000 euros. “Deste xeito, pasaremos de contar con 3 equipos de rego a 4, reforzando un instrumento fundamental de cooperación da Deputación cos Concellos como é o Parque Móbil, pois afórralles custes no acondicionamento das vías municipais”, subliñou Pilar García Porto.

Prorrogado o encargo a Tragsa do servizo de limpeza
Na reunión deste venres a Xunta de Goberno acordou prorrogar á empresa pública TRAGSA o servizo de limpeza e mantemento dos distintos edificios e dependencias da Deputación. Conta cun orzamento de 202.000 euros e será por un período de 3 meses, ata decembro.

A voceira socialista do Goberno lembrou que o pasado mes de marzo a Deputación resolveu o contrato coa empresa que tiña adxudicado o servizo de limpeza das dependencias provinciais debido ao incumprimento de obrigas esenciais como o abono de salarios e encargou o mesmo con carácter provisional á empresa pública Tragsa garantindo a continuidade dos 32 postos de traballo.
Tragsa, medio propio instrumental da Deputación dende finais do pasado ano, farase cargo do servizo de limpeza de maneira provisional, mentres se desenvolve a tramitación dun novo concurso para adxudicar outra vez o contrato.

Apoio ao barrio da Milagrosa
A Xunta de Goberno aprobou unha subvención excepcional, por valor de 20.000 euros, para a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industrias da Milagrosa. “Con esta axuda queremos amosar o apoio da institución provincial cun dos barrios máis importantes, senlleiros e hospitalarios de Lugo, que por desgraza, está a vivir unha situación complicada pola crise sanitaria da Covid-19. Facemos esta aportación económica tendo en conta que esta asociación impulsa iniciativas e actividades durante todo ano que dinamizan a vida social e económica deste barrio de Lugo e, por extensión, de toda a cidade”, asegurou García Porto.