Skip to main content
Actualidade

A presión hospitalaria sobe durante a fin de semana e suman 5 falecidos

Por 7 Setembro, 2020Sin comentarios

O covid-19 non dá tregua na provincia de Lugo e mentres os casos novos empezan a frenarse a situación recrudécese nos hospitais onde aumentan os ingresos xa que unha gran parte dos afectados son maiores procedentes dos centros de O Incio e Outeiro de Rei.

Actualmente o Sergas ten contabilizados 816 casos activos, 20 máis que a fin de semana. Por outra banda, producíronse 105 altas neste mesmo período polo que en realidade nestes tres días houbo 125 novos contaxios. Malia que son datos elevados, as autoridades sanitarias aseguran que os gromos están localizados e controlados polo que a curva de novos contaxios está empezando a frearse.

Pero os datos máis preocupantes son os de presión hospitaria xa que hai 60 persoas ingresadas nos diferentes centros da provincia. O Hula concentra os cinco que hai en UCI e 40 en planta, mentres hai 3 no da Mariña, 2 no de Monforte e 10 no Polusa. Hai tres días había 44 persoas hospitalizadas.

Por outra banda, os falecementos continúan e xa son 50 as persoas que perderon a vida dende o inicio da pandemia, 5 nos últimos tres días. Hai dúas semanas 32 persoas perderan a vida polo virus, unha cifra que viña case sen cambios dende os tempos da desescalada. Das 18 defuncións producidas nos últimos tempos, 15 son usuarios da residencia do Incio, onde o gromo de covid-19 ha sido implacable facendo subir a presión hospitalaria.

Agora mesmo o gromo máis determinante é de Lugo, que afecta a 296 persoas do total da provincia e que continúa ofrecendo casos novos. É un dos máis grandes de Galicia e se orixinou tras unha festa nun local de ocio nocturno.

A cifra total de afectados ata o de agora é de 2.412.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.243 deles 1.434 son da área da Coruña, 816 da de Lugo, 459 da de Ourense, 343 da de Pontevedra, 344 da área de Vigo, 688 da de Santiago, e 159 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 21 están en UCI, 194 en unidades de hospitalización e 4.028 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 13.792 persoas curadas, rexistrándose 662 falecementos. A última persoa falecida foi un varón de 90 anos, que estaba ingresado no CHUS, e presentaba patoloxías previas.
Os datos ofrecen unha freada tamén no número de contaxios nos últimos seis días malia que estes continúan crecendo con varios gromos na provincia. Os novos positivos tamén seguen aumentando nas residencias. Agora mesmo hai 164 usuarios positivos e 71 traballadores, a maioría dos centros lugueses.