Non me afago

Por Pablo Veiga

Antes de nada, manifestar que servidor non pertence ó irresponsable grupo que ergue a bandeira do negacionismo sobre todo o relacionado co Covid-19, fundamentalmente coas correspondentes medidas que recomendan as autoridades sanitarias ó conxunto da poboación para previr a transmisión deste virus caprichoso. Carecendo da bitola de experto na materia e descartando calquera divagación en plan cuñado, cómpre non arriscar e aceptar as consignas daqueles que, suponemos, terán información e coñecementos dabondo para propoñelas a todos nosoutros.

Mais logo de cinco longos meses con esta historia, tal e como sinalamos nesta mesma columna en publicacións anteriores, todo segue a ser tan estraño e tan anómalo, que semella un pesadelo do que aínda non despertamos.

O verán chega á súa recta final e, desafortunadamente, no País estanse a producir de forma habitual gromos que fan saltar de novo tódalas alarmas. O problema continúa e non se pode baixar a garda. Ata na nosa bisbarra foron descubertas persoas infectadas, o que derivou na corentena de rigor para evitar que se propagasen os contaxios.

Esta nova normalidade chegou para quedar e xa nos imos dando conta do que significa. A vida propia, a familiar, as relacións, o ocio e o mundo laboral, todo, absolutamente todo está mediatizado pola maldita pandemia. A máscara convertiuse nun complemento que forma parte imprescindible da nosa indumentaria. Reconozo que resulta raro saír á rúa sentíndose un mesmo e vendo a tódolos demáis coa cara tapada. Cando se entra en locais tales como bares e restaurantes, así como edificios públicos, desde concellos ata oficinas de diferentes administracións, precisamos seguir un protocolo tan estrito que a un danlle ganas de saír correndo e voltar para a casa. Todo tipo de acto que era de sempre concorrido, como feiras e mercados, celebracións –bautizos, primeiras comuñóns, vodas-, funerais –enterros e cabodanos-, estanse reducindo á mínima expresión e no peor dos casos, suspendidos. E que dicir de tódalas romarías, festas patronais e festivais que tiñan lugar ó longo e ancho da nosa xeografía, de gran tradición e que supuñan un importante pulo económico. Cancelados. E falta aínda por ver como se desenvolve o comezo do curso escolar, rodeado dunha chea de incógnitas e cuns desafíos de tal envergadura que non convidan precisamente ó optimismo.

En fin. Que aínda sendo disciplinado, ou cando menos, procurándoo, sen ansias de insubmisión ou confrontación cos mandamentos de quen dirixen o asunto que  nos atinxe, non me afago a esta realidade que nos toca. Nunca pensei que o de calquera tempo pasado foi mellor fora tan certo, pero unha e outra vez lembro ese dito e corrobóroo sen ningún xénero de dúbidas.

Remato o artigo. Vou saír dar unha volta. Xunto ás chaves, a careta de vivas colores feita á medida para cubrir boca e nariz antes de abrir a porta. Non gostamos da situación, pero hai que afacerse. Non queda outra.

Etiquetas