Chocolate D’o Bon

Por Moncho Paz

La Flor Cubana era unha confeitaría da primeira metade do século XX que se atopaba entre as rúas San José e Galiano, na Habana Vella, moi preto da casa do meu avó Mario, que residía no número 88 de San José, e a quen lle gustaba pasar as tardes de lecer aprendendo receitas de repostería. Gran amante do chocolate e das sobremesas, tiña outras dúas paradas obrigadas na capital caribeña: ‘El Moderno Cubano’, no número 51 da rúa Obispo, e tamén a confeitaría ‘La Dominica’, situada entre as rúas O’Reilly e Mercaderes.

Un dos grandes soños de Mario Xosé, dende a súa estadía en Cuba, era montar unha fábrica de chocolate, o que non conseguiría ata 1959, poucos meses antes do seu pasamento. En agosto daquel ano, coincidindo coas festas de San Ramón de Vilalba, comezou a comercializar a súa marca propia, Chocolate D’o Bon. Ademais da excelente calidade do produto, o máis chamativo era o envoltorio: ilustrado en galego, supuxo toda unha reivindicación na época. Dende que concibiu o proxecto, tivo que agardar bastante tempo para poñelo en marcha. De feito, non puido mercar cacao -considerado unha mercadoría de importación- ata despois de 1952, cando rematou o racionamento alimentario decretado polo réxime de Franco en 1936. O Ministerio de Agricultura revisou os prezos agrarios, o que contribuíu a aumentar a oferta e a demanda. As medidas liberadoras facilitaron as exportacións, favorecendo así a oportunidade de importar materias primas do exterior.

Cando viu o camiño despexado, Mario Xosé comezou coa reforma do almacén da rúa Xardíns e despois mercou unha torradora e un vello forno esférico de leña, unha das xoias da antiga fábrica que aínda se conserva na Casa dos Marios. Este foi o seu grande legado. A liña de máquinas completaríase posteriormente na sala de mesturadoras e refinadoras, para rematar na sección de moldeado e empaquetado, moi básicas nun principio pero que co transcorrer do tempo foron perfeccionando o meu pai e os seus irmáns, de maneira especial a partir de 1965, cando trasladaron e ampliaron a fábrica de chocolate nos baixos do edificio que mercaron na Praza do Castelo, ao pé da Pradia. Alí chegaron a fabricar tres tipos de chocolate: o sucedáneo, o extrafino e o de ‘á cunca’, todos da marca D’o Bon. Cara 1969 comezarían tamén coa produción de chocolate en po, mediante o tratamento do cacao para procesalo por medio da redución da manteiga, empregando prensas hidráulicas e disolventes alimentarios especiais. Este novo produto sería comercializado baixo a marca Paz-Cao, acadando gran popularidade na provincia de Lugo. O paquete era facilmente recoñecible nos establecementos, pois levaba unha ilustración dourada da torre da homenaxe do castelo de Vilalba -agasallo do pintor Xosé López Guntín- sobre un característico fondo vermello e mouro.

Só se pode entender a expansión do negocio familiar dentro do contexto socioeconómico dos anos 60, a chamada “década prodixiosa”. O Plan de Estabilización impulsado polos tecnócratas do franquismo depreciou unha peseta sobrevalorada artificialmente, eliminou as barreiras para a exportación e facilitou a chegada do turismo de “sol e praia”. O sector industrial medrou de xeito notable grazas ao investimento en capital (en boa medida dende o exterior), a mellora da produtividade e tamén o crecemento dos servizos, especialmente os relacionados co eido turístico, que chegou a converterse no principal motor da economía. Na outra cara da moeda, a agricultura vivía unha forte reconversión, e a mecanización e as novas oportunidades que ofrecían as cidades provocou o éxodo rural. A dependencia dos investimentos exteriores e a saída de emigrantes eran os puntos débiles deste crecemento.

A maior renda dispoñible permitiu o desenvolvemento das novas clases medias, que serán a base da sociedade de consumo deste decenio. Os fogares comezaron a encherse de tecnoloxía doméstica (batedores, neveiras, lavadoras, olas a presión, gas butano…) e, finalmente, a chegada da televisión, o medio publicitario por excelencia que supuxo unha axuda excepcional para crear novos hábitos de consumo nas familias. En moitas vilas creáronse teleclubs, que posibilitaron a xuntanza de persoas que aínda non tiñan suficiente capacidade adquisitiva para mercar o aparello, que non faltaba en lugares como as cafetarías. Na Vilalba da época, os principais locais de concentración para ver a televisión eran o Bar Roca e o Bar Fornos, fronte á Alameda.

Os fillos de Mario Xosé aproveitaron esta conxuntura económica para relanzar o negocio de ultramarinos que fundara o seu pai. O primeiro paso foi ampliar a súa presenza nas feiras da contorna, polo que mercaron un furgón Mercedes Benz 319L, de motor diésel, que sería un vehículo fundamental para axudarlles na estratexia de fomentar o comercio polo miúdo, permitindo así que as marcas propias acadaran unha maior presenza xeográfica. De seguido, crearon un equipo de viaxantes comerciais que se desprazaban polas bisbarras de Lugo e máis tarde da Coruña, ofrecendo un catálogo de produtos con listas de prezos. No caso das marcas da casa, o Chavito dedicouse a deseñar slogans para potenciar a proximidade cos clientes. O máis coñecido foi o da copla do cacao, que dicía así: “Venimos con gran ilusión / a visitarle de nuevo / traemos Chocolate D’o Bon / que quiere decir del bueno”.

Etiquetas