Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Os ferreiros de Riotorto

Por 14 Setembro, 2020Sin comentarios

Por Miriam Fernández

O Concello lucense de Riotorto, territorialmente enmarcado dentro da Comarca de Meira, é coñecido por ter proporcionado numerosos elementos patrimoniais de carácter significativo á provincia, coma é o caso dos restos fósiles de período Xurásico atopados na Órrea, en Lodás, Santa Marta de Meilán e As Rodrigas, o castro da Coroa e o seu torques de ouro ou os prolíficos exemplos de arquitectura relixiosa dende época medieval.

Aínda así, falar de Riotorto é falar indiscutiblemente de ferro e forxa, dun concello que pode presumir de ser un dos berces máis importantes de ferreiros galegos, oficio tradicional no que a mestría se mestura co metal,o lume e a auga, facendo xurdir apeiros e coitelos de gran calidade empregados dende fai séculos para desempeñar distintas labores domésticas e do campo.

A tradición e o oficio de ferreiro en Riotorto leva transmitíndose de pais a fillos polo menos dende o século XVI, pois a primeira referencia histórica destes artesáns atopámola nos arquivos do convento de San Salvador de Lourenzá, e, no Arquivo Histórico Provincial de Asturias, apareceron documentos que indican a existencia dun mazo en Ferreiravella no ano 1691. No Catastro do Marqués de Ensenada (1752) e no Diccionario de Pascual Madoz (1845-1850), existen tamén  referencias á presencia de ferreiros e de mazos, construcións á veira do río que albergában martelos de grande tamaño movidos mecanicamente pola acción da auga e que eran empregados polos ferreiros para esmagar e estirar o ferro, ademais da existencia doutros datos coma os contratos de saca de vea, os cales indican a correlativa e necesaria actividade mineira. Destes mazos actualmente só se conservan dous, o de Bastián (Espasande de Baixo) e o da Fraga (Ferreiravella), dun total de 46 artiluxios (entre os que tamén se inclúen as moas de afiado, muíños, etc.) situados no curso do río de Ferreirabella, constituíndose coma un dos centros ferreiros máis importante do Norte da Península.

No ano 1941, o cronista mindoniense Eduardo Lence-Santar, nun artigo do periódico “El Compostelano de Santiago”, da conta da existencia da existencia dunha grande concentración de forxas e a importancia do oficio neste concello, cun total de 56, das cales 37 se ubicaban na parroquia de Ferreiravella, 17 na de Espasande de Baixo e dúas na de Riotorto. Tamén se cre que a orixe do oficio neste lugar ten relación directa ou influencia do País Vasco debido á pervivencia de termos técnicos procedentes do Euskera e de apelidos vascos presentes aínda a día de hoxe entre a poboación da localidade (Legaspi, Chavarría, Recalde ou Lombardero).

Coa  implantación a gran escala da transformación industrial do ferro durante o século XX, fixo que este oficio artesán, como lle aconteceu a outros tantos, comezase paulatinamente a perder profesionais e adeptos co consecuente peche de moitas forxas familiares. Unha dura realidade contra a que era difícil competir e que anunciaba un triste desenlace para o legado artesán, máis,  gracias á tenacidade dos ferreiros da localidade que seguen a mostrar a calidade do feito á man, a herdanza cultural do traballo na forxa afortunadamente non esmoreceu por completo neste concello.

A unión en defensa deste patrimonio milenario levada a cabo pola Asociación para a Promoción social dos Ferreiros de Riotorto xunto co consistorio, desencadeou que se tomase o oficio como un valor de continuidade e futuro, pondo en marcha rutas culturais nas que se poden visitar mazos e ferreirías, procesos de recuperación do patrimonio etnográfico como rehabilitación do mazo de Ferreiravella (centro de interpretación aberto a veciños e turistas de forma gratuíta para coñecer de primeira man o oficio e a forma de vida dos artesáns) ou a Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto, evento anual de renome celebrada dende 2007 que reúne ós profesionais locais con outros tantos da comunidade nunha fermosa mostra do oficio acompañada  por outras exposicións artesanais e demostracións en vivo, obradoiros didácticos, e venda de produtos do campo.

Con estas e outras actuacións permitiuse que o nome e a excelente calidade do traballo dos ferreiros de Riotorto se coñecese máis alá das fronteiras da nosa comunidade, unha labor que actualmente supera a realidade exclusiva de darlle funcionalidade e beleza a un anaco de ferro, pois todos eles forman parte daqueles superviventes que seguen mantendo vivo o noso rico patrimonio etnográfico e cultural co seu oficio artesanal, contribuíndo á súa vez na dinamización social e a divulgación da cultura galega.