Skip to main content
Actualidade

Os médicos recomendan ampliar a vacinación da gripe a toda a poboación

Por 30 Setembro, 2020Sin comentarios

O Sergas anunciou a posta en marcha da habitual campaña de vacinación da grupo que este ano queren reforzar e ampliar ao resto da poboación ante a previsible convivencia coa covid-19. Tal como lembra o doutor José López Castro, coordinador do Servizo de Medicina Interna do Hospital Público de Monforte de Lemos e membro de Sogami (Sociedade Galega de Medicina Interna), “a vacina prevén a enfermidade causada polo virus da gripe (Influenza) producindo unha redución da hospitalización e a mortalidade, sobre todo nas persoas con máis risco de enfermidade grave, e tamén reduce a carga asistencial sobre o sistema de saúde. Nestes momentos difíciles da pandemia de covid-19 é vital aumentar as coberturas de vacinación nas persoas nas que a vacinación está recomendada”.

“Debe quedar claro que non hai un maior risco de infectarse por SARS-CoV-2 ou de padecer covid-19 de maior gravidade por recibir unha vacina fronte á gripe. De feito, hai traballos que conclúen que a vacinación contra a gripe podería asociarse con menor gravidade e mortalidade por covid-19”, explica o especialista, confrontando así as “lendas urbanas” que relacionan a mala evolución das persoas infectadas por SARS-CoV-2 coa exposición previa á vacina da gripe, desmontando así os argumentos do documento que circula polas redes e que recolle certas especulacións nas que se atribúe unha posible maior gravidade da infección polo novo coronavirus á exposición a un excipiente da vacina, o polisorbato 80, que desencadearía unha resposta inmune inadecuada (esaxerada). Este excipiente, por outra banda, está presente en numerosos medicamentos, non só nalgunhas vacinas. Os datos achegados, por tanto, non sustentan as conclusións, e o estudo realizado para argumentar esta hipótese carece de rigor científico, non existindo actualmente ningunha evidencia científica que sustente nin a hipótese especulativa, nin o mecanismo de acción proposto. Este tipo de elucubracións, con erros importantes de calidade científica, provocan alarma e poden ter unha influencia directa e negativa nas coberturas de vacinación, por iso os médicos debemos ser cautos á hora da difusión de certas mensaxes que son absolutamente especulativos e pouco rigorosos”, advirte o doutor.

Grupos de risco
“É esencial poñer o foco sobre a difusión de información veraz acerca das vacinas, baseada en evidencia científica, a cal avala que a vacina da gripe prevén esta enfermidade e ten impacto sobre a hospitalización e a mortalidade en persoas con máis risco de enfermidade grave, diminuíndoa. Desta maneira, reduce tamén a carga asistencial sobre o sistema de saúde, o que resulta imprescindible nestes meses complicados. No contexto da pandemia de covid-19, é aínda máis importante facer todo o posible para aumentar as coberturas de vacinación dos grupos nos que está recomendada, por exemplo os maiores de 60 anos, persoas con obesidade, con asma, con enfermidades cardiovasculares, con diabetes ou inmunodeprimidos. Aínda que é moi probable que a incidencia de gripe nesta tempada invernal sexa inferior a anos previos polas medidas de uso de máscara e distanciamento social”, explica o doutor López Castro.

Distinguir gripe de covid-19
O especialista conta que, aínda que aínda non hai información suficiente para saber como interactuarían a gripe coa covid-19, crese que de coincidir ambas as no organismo agravaríase o cadro do paciente. Ademais, o doutor López Castro cre que é moi difícil distinguilas, pero hai algúns indicios que diferencian a ambos os virus como a perda do gusto e do olfacto, propios do novo coronavirus.