Gadis comeza unha campaña de apoio a 50 protectoras de animais

Supermercados Gadis pon en marcha por segundo ano consecutivo unha campaña solidaria de recollida de alimentos e de produtos de hixiene co obxectivo de apoiar a 50 asociacións protectoras de animais de Galicia e Castela e León.

Alimenta a amizade prolongarase ata o día 10, os clientes de 190 Supermercados Gadis terán á súa disposición un espazo no que poden depositar produtos para cans e gatos. A compañía sumará unha achega do 20% do total que doen os seus clientes.

Debido á situación sanitaria, este ano non haberá voluntarios nos puntos de venda de Galicia, Ávila, León, Palencia, Salamanca, Valladolid e Zamora, provincias de Castela e León nas que a compañía está implantada. O que se recolla nestes supermercados destinarase a cubrir as necesidades das máis de 5.000 mascotas que son abandonadas anualmente e reciben atención por parte das protectoras.

Ante o incremento da demanda de axuda por parte destas asociacións, Gadis ampliou a colaboración ao medio centenar, cando na edición pasada o apoio prestouse a 33 entidades. En total, en 2019, entregáronse 84.200 kg de alimentos e produtos de hixiene.

As entidades protectoras confían en repetir o éxito de recadación da campaña realizada o ano pasado, xa que nos últimos meses detectaron máis necesidades do habitual, sobre todo no caso dos gatos.

Supermercados Gadis impulsa “Alimenta a amizade” coincidindo no tempo coa celebración do Día Mundial dos Animais que, cada ano, conmemórase o 4 de outubro.

A través do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa, que abarca máis de 2.300 accións anuais, a compañía trata de achegar o seu gran de area para concienciar á sociedade da importancia do coidado e o respecto aos animais.

Etiquetas