Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Malos presaxios

Por 13 Outubro, 2020Xaneiro 4th, 2021Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Cando saia publicado o número do xornal, terán pasado un par de semanas da elaboración deste artigo, polo que non sería de estranar que se producisen novas importantes en relación á situación da factoría Alcoa, ubicada na localidade de San Cibrao.

Como é público e notorio, a ameaza de peche está sobre a mesa, coa terrible consecuencia en perdas de postos de traballo, sobre cinco centos directos e outros tantos que traballan en empresas auxiliares, as cales tampouco resultarían viables se a empresa matriz botase o ferrollo de forma definitiva. Unha hipótese esta que só con imaxinala produce auténtico terror, non só pola consecuencia inmediata de que toda esa masa laboral perdese o seu traballo, xa de por si grave, senón tamén polas derivacións económicas que tería para a comarca da Mariña e tamén para o conxunto da provincia de Lugo.

Moito se ten falado nestes últimos meses; escóitanse as divagacións dos responsables políticos do máis alto nivel, botanto as culpas uns a outros moi dilixentemente, mais sen ser quen de atopar solucións. Por outra parte, os directamente implicados, os operarios, que por boca dos seus representantes trasmiten a angustia dos que ven perigar os seus traballos sen que ninguén o remedie, co que iso supón para eles e para as súas familias. En terceiro lugar, a propia poboación da zona, que observa atónita como pode desaparecer un dos motores económicos de toda unha bisbarra. En último lugar, os argumentos dos propietarios, os cales se cinguen a criterios de resultado: O negocio dá perdas importantes, polo que deixa de ser rendible. En consecuencia, a multinacional –o que é Alcoa, non o esquezamos-, desaparece do escenario e marcha. Alega que o prezo excesivo da enerxía fai insostible a súa continuidade, xa que ven sendo, segundo as súas propias manifestacións, entorno ó corenta por cento dos custes totais.

Recoñecemos a complexidade do asunto e polo tanto as extremas dificultades de atopar solucións. Custa crer que todo ese complexo industrial, posto en marcha hai catro décadas, se apague de forma definitiva.  Como se sinalaba antes, A Mariña recibe unha gran labazada, pero tamén o resto da provincia, incluído nosoutros, xa que tamén un bo número de chairegos traballaron aí en todos estes anos. Difícil de entender para moitos que unha empresa destas características fose en principio pública e que logo, por decisión do goberno de turno, se privatizase, percibindo máis tarde subvencións millonarias, para que finalmente diga adeus e marche deixando desolación onde existe riqueza.

Son malos presaxios para a Nosa Terra, que adoeceu tradicionalmente dun falla de industrialización, sobre todo en amplas zonas, derivando nunha masiva e constante emigración cara outros lugares onde si existían posibilidades de prosperidade.

A agricultura e gandeiría -tamén o sector pesqueiro-, probablemente dean para máis do que están dando, pero non nos chamemos a enganos, tampouco para moito máis. E sobre o turismo, xa coñecemos a principal característica en materia de emprego, a estacionalidade. Non se pode vivir producindo só tres meses no ano.

Ogallá non levemos o enésimo pau na cabeza.