Adxudicada a redacción do proxecto de obra da estrada entre Cabreiros e Momán

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar a redacción do proxecto de execución de reforzo do firme da estrada autonómica LU-170, entre Cabreirós e Momán, no Concello de Xermade

Este contrato foi adxudicado á empresa Sepco, Servicios y productos de obras, S.L, por un importe duns 15.000 euros. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses.

A lonxitude de actuación é de 5 km aproximadamente, centrándose no treito comprendido entre o núcleo de Xermade e Cabreiros.

Os traballos obxecto do proxecto, inclúen a execución dunha actuación de mellora do firme, co estendido dun aglomerado en quente en todo o ancho da plataforma, así como a execución de cunetas de seguridade en determinados treitos.

O departamento de Infraestruturas impulsa a redacción deste proxecto de renovación da capa de rodadura e mellora da seguridade viaria para a súa execución en 2021, que suporá un investimento autonómico estimado en 400.000 euros, tal e como avanzou recentemente no Parlamento o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

En paralelo, a Xunta mantén a planificación do ancheamento da estrada neste treito da LU-170, para o que ten redactado un proxecto para actuar no tramo comprendido entre as proximidades do parque empresarial de Xermade e Cabreiros. Segundo o proxecto, actuarase nunha lonxitude de 5.100 metros, co obxecto de ampliar ata os 7 metros a plataforma da estrada. Ao longo do tramo actuarase de forma puntual nas interseccións coas vías públicas xa existentes.

Este proxecto, que suporá un investimento de 1,9 millóns de euros, agárdase que poida ser financiado coas liñas de actuación que o Estado lle propoña á Unión Europea para os fondos de reconstrución.

A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiulle á Xunta hai uns días que desbloqueara a mellora da seguridade na estrada autonómica LU-170 que une Cabreiros e Momán, no Concello de Xermade. A responsable socialista presentou na Comisión de Obras Públicas unha pregunta oral con esta “demanda unánime da corporación municipal, incluído o PP, e a Federación Provincial de Asociacións de Veciños”.

Otero alertaba de que o firme atópase nun “estado deplorable e perigoso, co firme deteriorado, curvas de difícil trazado e ancho insuficiente” ata o punto de que resulta “imposible que se crucen ao tempo un vehículo e un camión pequenos”. Sinalou que “ademais de perigoso, a falla no arranxo ten paralizado o polígono industrial da localidade, ao que non poden acceder os transportes especiais, dificultando o desenvolvemento de Xermade”.

Etiquetas