Bonos consumo Vilalba

Catro falecementos ensombrecen os datos da pandemia na provincia

Catro falecementos ensombrecen os datos da pandemia na provinciaO factor martes volveu pasar factura, e os casos experimentaron un pequeno repunte na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, situada en 1071 casos activos de coronavirus. Isto supón 29 máis respecto á xornada anterior. Este incremento prodúcese ao ter rexistrados 55 casos novos, menos que os días anteriores. O dato paliouse co número de altas, que foi de 27 ata chegar aos 4.275 de hoxe.

O peor dato da xornada foron os catro falecidos rexitrados o luns, que deixan o número total de mortos a causa da covid-19 en 114.

En canto ás persoas hospitalizadas mantéñense en 59, pero cun novo ingreso en Uci, que xa rexistra 6 persoas. Ademais, o Hula ten tamén 33 hospitalizados en planta (dous menos), o Hospital da Mariña con 14 (un máis) e o de Monforte mantense en 6.

O Hula comezou a recibir pacientes con covid-19 procedentes de Ferrol debido ao elevado nivel de ocupación do hospital Arquitecto Marcide. Ata o de agora, só hai unha persoa procedente dese centro, pero, se a situación demándao e hai capacidade en Lugo, poderían chegar máis nos próximos días.

Respecto ao mapa de alertas, o cambio máis significativo é o de Burela, que volve a alerta laranxa tras varias xornadas en amarelo. Pola contra melloraron as cousas para Outeiro de Rei e Castroverde, que volven á normalidade.

Lugo, Vilalba e Sarria mantéñense en alerta vermella por incidencia do covid. Do mesmo xeito que o fan Chantada, Guntín e Monforte no nivel laranxa.

Viveiro, Xove, Cervo, Foz, Ribadeo, Castro de Rei, O Corgo e Láncara sitúanse no nivel amarelo.

GALICIA

Os contaxios de Covid-19 seguen en descenso en Galicia tras sumar 409, fronte aos 489 do luns. Tamén os casos activos baixan a 9.060, medio centenar menos que a xornada anterior.

Na área sanitaria de Vigo confirmáronse 97 contaxios por PCR nas últimas 24 horas; 67 na de Pontevedra e O Salnés; 63 na da Coruña e Cee; 55 na de Lugo; 41 na de Santiago e Barbanza; 39 na de Ferrol; e 26 na de Ourense.

En canto aos casos activos, baixan en cinco das sete áreas sanitarias galegas, mentres que na de Santiago e Barbanza mantéñense igual que este luns e na de Lugo ascenden lixeiramente.

Os contaxios desde o inicio da pandemia en Galicia sitúanse en 46.215 e os pacientes curados ascenden a 36.070, o que supón 442 máis que este luns.

Ata a data as vítimas mortais en Galicia con coronavirus elévanse a 1.086, tras a suma de 17 falecementos máis o luns, dez deles de usuarios de centros de maiores. Oito delas faleceron nos propios centros e outras dúas en hospitais.

Etiquetas