De visita en Mondoñedo

Por Moncho Paz

Credo, credo, credo… Conta a lenda que esta palabra, repetida ata tres veces, foi a derradeira que pronunciou o mariscal Pardo de Cela en Mondoñedo ao ser executado na Praza da Catedral. É precisamente nese lugar onde gardo unha das miñas primeiras lembranzas fóra de Vilalba. Foi hai máis de corenta anos, sendo un raparigo. Unha tarde de primavera fomos cara a aló no Simca 1200 do Chavito para visitar a un curmán da miña avoa materna, Francisco Fanego Losada, membro da Real Academia Galega e distinguido coa Gran Cruz de Alfonso X o Sabio, ao que me presentaron coma un ilustre latinista. Eu, que non sabía moi ben que era iso, formulei as miñas preguntas de neno curioso e os meus pais explicáronme que aquel “profesor de latín e de poética” -que exercía o seu maxisterio no seminario Santa Catalina- era capaz de construír en lingua itálica perfectos hexámetros, considerados os versos da épica e dos himnos.

Aquela casa chea de libros deixoume impresionado. Tamén o seu comentario, cando afirmou que sería un bo xornalista, porque non deixaba de amosar o meu desexo de saber, de aprender, de coñecer cousas novas. E acertou de pleno. Ou quizais fun eu o que acertei, pois a súa reflexión roldoume na cabeza durante moito tempo, espertando unha vocación temperá que xa nunca me abandonou. Casualidades da vida, Fanego foi sempre un gran cliente da Casa dos Marios, tanto na época do ultramarinos da rúa Xardíns como despois, cando os fillos de Mario Xosé mercaron o edificio na actual rúa da Pravia aos herdeiros do indiano Crisanto Puentes. Sempre estarán na nosa memoria as entrañables imaxes das súas curtas estadías na nosa vila, que consideraba parada obrigada cando regresaba a Mondoñedo, a cidade “rica en pan, en augas e en latín”, como dicía Álvaro Cunqueiro.

A segunda visita que fixemos esa tarde foi ao Santuario dos Remedios, onde exercía de párroco Ricardo Pena Domínguez, que anteriormente estivera de crego na comarca de Ortigueira, terra natal da miña nai. Vivía cunha tía, chamada Piedad. Os dous eran vellos coñecidos da nosa familia. Anos despois souben da historia de Piedad. Nada en Xove en 1905, sendo moi nova casara con Agapito García Atadell, tipógrafo e activista político natural de Viveiro. Tras o seu matrimonio civil establecéronse en Madrid, onde residiron pouco tempo (de 1934 a 1936), pois el foi seriamente cuestionado dende algúns sectores republicanos polo seu labor como xefe das Milicias Populares de Investigación, un grupo especial dentro da Brigada de Investigación Criminal da policía. Consciente de que as tropas franquistas estaban preto de Madrid e de que a cidade podía ser tomada, Atadell decidiu fuxir xunto coa súa dona e varios colaboradores. Finalmente foi detido polos sublevados e executado na prisión de Sevilla en 1937, mentres Piedad conseguiu exiliarse en Francia, onde permaneceu ata 1959. Ao seu regreso viviu sempre ao carón do seu sobriño Ricardo; hai que recoñecer que a súa andaina vital ben podería ser merecedora de tratamento cinematográfico.

Souben do desencadeamento da peripecia de Piedad Domínguez a través do noso amigo Juan Ramón Díaz García, mestre de xornalistas, outro bo cliente da Casa dos Marios e fillo do escritor mindoniense José Díaz Jácome, que fora director de La Voz de Asturias. Ademais de estar considerado coma un dos renovadores da prensa galega, especialmente durante a longa etapa na que estivo á fronte de La Voz de Galicia, Juan Ramón foi un apaixonado bibliófilo e gran contador de historias. Era coñecido na nosa profesión co alcume “O Xogadas”, pola súa astucia, sentido do humor e hábil manexo da retranca.

Pensar en Mondoñedo obrígame a rematar esta crónica cunha especial referencia a Cunqueiro, un mago das letras capaz de naturalizar o incrible e normalizar o fantástico. Porque a verdadeira orixe do realismo máxico non está en Macondo, senón na diocese de Mondoñedo-Ferrol. Con Cunqueiro na Mariña Central e con Torrente Ballester na cidade departamental. Dous autores de renome para reivindicar a literatura “made in Galicia”. Na meirande parte da súa obra e no exercicio da profesión xornalística, don Álvaro soubo lidar coa censura en distintos momentos. Como non podía utilizar a súa verdadeira identidade, empregaba o alcume “Álvaro de Labrada”, ata que a súa sinatura foi recuperada grazas ao xornal Faro de Vigo en 1950, cando o seu daquela director, Francisco Leal Insua, lle propuxo colaborar no xornal. Cunqueiro preguntou: Con que pseudónimo vou asinar? Insua contestoulle: Con Álvaro Cunqueiro. Por esta razón, o prolífico autor de Merlín e familia instalouse en Vigo e comezou a colaborar no medio que dirixiría posteriormente, de 1965 a 1970. Pero esta anécdota xa forma parte doutro relato.

Etiquetas