200 escolares participaron no cross de Pastoriza este sábado dentro do programa Xogade

Preto de 200 nenos e nenas participaron hoxe no Cross de campo a través en Pastoriza, no marco do programa de deporte escolar Xogade que promove a Xunta de Galicia.
O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Alfonso Villares, asistiu ao desenvolvemento das carreiras nas distintas categorías e participou na entrega de premios. Explicou que a da Pastoriza foi unha das dúas probas clasificatorias que se desenvolveron nesta xornada -xunto á que tivo lugar na Devesa, en Ribadeo-, antes da final provincial, que se celebrará o 13 de decembro tamén na Devesa.
O Cross de Pastoriza está impulsado pola Asociación Deportiva Terra Chá. Os nenos e nenas participantes percorreron distancias que foron desde os 700 metros ata os 2.000 metros segundo a súa idade -desde benxamín ata cadete-. A proba desenvolveuse na contorna do circuíto de automobilismo do concello.
O delegado territorial destacou a gran aceptación que ten este deporte. Ao longo do pasado curso tomaron parte en Xogade más de 7.000 nenos e nenas, moitos deles en máis dunha modalidade, e o cross figura entre as que presentan maior demanda xunto co baloncesto, atletismo en pista, fútbol sala ou orientación.
A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta desenvolve este programa coa colaboración de centros educativos, clubs, escolas e outras entidades que traballan no deporte de base. O Goberno galego asume o financiamento dos seguros deportivos de todos os participantes así como os custos de organización, arbitraxe ou transporte para as actividades.