2022, ano da resiliencia

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
10 Xan 2022

Por Moncho Paz

Que dicir da palabra resiliencia, empregada habitualmente nos últimos tempos por políticos, xestores e comunicadores? En Física, é a capacidade de resistencia ao choque que presenta un determinado material. En Psicoloxía, enténdese como a condición dos seres humanos para adaptarse positivamente ás situacións adversas e de recuperarse fronte a elas. Xa que logo, unha verba moi apropiada nos tempos que corren.

Imos ao tema que hoxe nos ocupa: o Plan para a Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno español. Podemos dicir que no ano 2021 sentáronse as bases para a súa execución, coa posta en marcha dos instrumentos legais, institucionais e financeiros para axilizar a súa implementación. Atendendo ao executado no devandito exercicio, autorizáronse o 73% dos fondos e comprometeuse máis do 64% do investimento previsto. Unhas cifras nada desprezábeis, malia ás mensaxes e falsidades repetidas unha e outra vez pola dereita e a ultradereita a través dos medios de comunicación afíns e dalgúns tertulianos expertos en simular unha realidade enganosa e superficial.

En relación ao sector enerxético, aprobouse o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (coñecido coma o PERTE de Enerxías Renovábeis) para desenvolver novos modelos de negocio que reforcen o eido das enerxías limpas, mobilizando un investimento total superior a 16.000 millóns de euros. Nada máis e nada menos. En materia agrícola, o Goberno central aprobou un Real Decreto que modifica as bases reguladoras para a concesión de subvencións á execución de proxectos de innovación en materia de produtividade e sustentabilidade, no marco do Plan Nacional de Desenvolvemento Rural. Algo moi importante para Galicia, pois o crecemento da nosa economía verase reforzado así con este Plan de Recuperación. As reformas e investimentos que se están a levar a cabo terán un evidente protagonismo para impulsar un crecemento sólido, inclusivo e equilibrado ao longo de 2022 e de 2023. As cousas como son.

Como boa nova, sinalar que a posta en marcha do Plan fixo que España sexa o primeiro estado da Unión Europea en recibir a avaliación positiva para a transferencia de fondos por obxectivos cumpridos no primeiro semestre do ano, por un importe de dez mil millóns de euros. Unha pésima noticia para Pablo Casado, que segue na teima (e ademais cunha mala educación in crescendo nas súas intervencións parlamentarias) de restar méritos ao conseguido polo executivo de Pedro Sánchez. Pouco ou nada podemos pedirlle a esta desleal oposición do PP e Vox, que simbolizan o neoliberalismo salvaxe e non ofrecen alternativas reais. Non esquezamos que o despregue do Plan pivota sobre a base do diálogo, con encontros cos representantes económicos e sociais, con expertos, con grupos políticos e con outros axentes colaboradores. Hai que insistir, pois, no verbo colaborar e na actitude colaboradora, termos que polo visto non encaixan no catecismo cavernícola da desleal oposición.

As reformas e os investimentos previstos no Plan de Recuperación outorgan un papel moi relevante ás comunidades autónomas, que se verá reflectido na xestión orzamentaria que realicen destes fondos. Esta é unha boa nova para Galicia.  Agora o importante é xestionalo con lealdade institucional e que non sexan outros os que se apunten os tantos, coñecendo a “tendencia Feijóo” de barrer sen vasoira.

Para maximizar o impacto sobre a economía real, o Goberno anunciou o investimento en proxectos cun forte potencial tractor, como a estratexia de mobilidade sustentábel, segura e conectada; os programas de rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana; os de teitos solares e de puntos de recarga; os de saneamento, depuración e infraestruturas de xestión de residuos en municipios de menos de 5.000 habitantes; a rehabilitación de costas ou o pulo definitivo á conexión de alta velocidade.

Coa finalidade de identificar estes proxectos e aos principais axentes para desenvolvelos, o bipartito estatal xa publicou vinte e sete manifestacións de interese. Este instrumento, totalmente novidoso, potencia a efectividade do Plan, pois permite que se axuste ás necesidades do tecido empresarial e dos cidadáns. Trece destas manifestacións corresponden ao ámbito da dixitalización. En definitiva, con estes avances non queda outra ca agardar que a segunda metade da lexislatura permita seguir avanzando e, entre todos, consigamos minimizar o impacto da pandemia.

5.3405809402466