Guitiriz: Ruta da pedra de Díaz Castro
Cun percorrido de case cinco quilómetros fáciles, ten dous protagonistas, a cantería e o poeta nado nesta localidade.
Xosé María Díaz Castro poeta e tradutor nado en Guitiriz serve de inspiración para a ruta da pedra de Díaz Castro. Cun percorrido de case cinco quilómetros esta ruta de dificultade baixa está sinalizada recentemente e ten dous protagonistas, a pedra, un elemento constante durante todo o camiño, e tamén o poeta. Neste pequeno percorrido poderemos descubrir as fermosas paisaxes que serviron de inspiración para os poemas do guitiricense.
A casa de nacemento de Xosé María Díaz Castro, no lugar de Vilariño, é o punto de partida do percorrido, unha construción de pedra que na actualidade conta cunha placa conmemorativa.
A ruta continúa por un camiño rodeado de árbores e aos poucos metros atopamos unha fonte e pouco máis de medio quilómetro do comezo desta ruta podemos ver un monolito dedicado á profesión de canteiro, profesión moi popular na zona. Tamén neste tramo do camiño está a casa dun dos antigos canteiros máis importantes da zona.
A ruta transcorre por camiños de terra onde os diferentes peches das fincas en pedra mestúranse cos bosques naturais deixando unha preciosa paisaxe.
Unha vez atravesada a aldea A Casa Nova de Vilariño e realizar un pequeno tramo por asfalto chegamos ao primeiro desvío desta ruta a Porto Muíño, onde poderemos observar os restos dun muíño e dun antigo lavadoiro. Neste punto conta a historia que o poeta, camiño da escola, facía unha parada para falar coas mulleres que lavaban alí a roupa. Este lugar aparece representado nos versos do poema de Vísperas.
Para chegar á segunda desviación só temos que camiñar outros 500 metros e tras algo máis dun quilómetro e medio a través dun camiño poderemos ver o Cruceiro de Riotorto. O autor deste cruceiro foi Ignacio Castro que garda relación familiar co poeta e presenta unha plataforma de dous chanzos de granito e unha inscrición alusiva ás indulxencias que lle concede o bispo de Lugo a quen rece ante el.
Volvemos á ruta principal na que poderemos coller un desvío ao Buriz que recorta parte da ruta ou ben coller o desvío que nos levará ata o petróglifo do Agro das Calzadas.
Este petróglifo é unha gran pedra de granito que mide aproximadamente cinco metros de lonxitude e un metro e setenta e cinco centímetros de altura. Conta con doce coviñas no extremo dereito e dous pequenos circos, moi desgastados na parte superior.
O núcleo escultórico esta situado na parte central esquerda e formado por un elemento cuadriculado irregular enmarcado a ámbolos lados por dúas figuras formadas por tres liñas curvas concéntricas. Debido ás condicións actuais nas que se atopa o petróglifo a mellor hora para visitalo é durante as postas de sol onde están máis acentuadas as sombras e poderemos apreciar mellor o gravado.
Despois de visitar o petróglifo volveremos á ruta principal en dirección ás Mezoiras, atravesaremos esta aldea e continuaremos ata O Buriz.
Nesta localidade está situada a escola na que estudou o poeta e remata a ruta no campo da festa, porén podemos aproveitar para visitar a igrexa e o cemiterio así como tamén algún dos cruceiros.