30 concellos do rural de Lugo terán acceso a descontos no autobús a partir do verán

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Ethel Vázquez avanza que case 40.000 veciños do rural de Lugo terán acceso a novos descontos no billete do autobús a partir do verán.
bus transporte escolar
5 Mar 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que case 40.000 veciños de 30 concellos do rural de Lugo terán acceso a novos descontos no billete do autobús a partir do verán coa creación da Área de Transporte de Galicia.

Explicou que o Diario Oficial de Galicia publicou onte o inicio do proceso de información pública desta nova medida que pretende darlle a todos os concellos galegos a oportunidade de contribuír a bonificar o prezo dos autobuses aos veciños.

Sinalou que os interesados poden presentar as súas suxestións ata o 5 de abril co fin de aprobar definitivamente esta iniciativa no verán. A partir dese momento, os concellos interesados poderán solicitar a súa incorporación, para o que deberán asinar un convenio de colaboración coa Xunta que permita materializar estes novos descontos aos usuarios.

Detallou que a integración na Área de Transporte suporá aplicar un desconto mínimo de 50 céntimos no prezo do billete, do que a Xunta asumirá o 80%, que se sumará á rebaixa do 10% que actualmente xa se aplica cando se paga con tarxeta TMG.

Indicou que o Goberno galego tamén asumirá integramente o custo dos transbordos cando sexa necesario realizar máis dunha viaxe para chegar ao destino, incluíndo neste caso os transbordos co bus urbano da cidade de Lugo.

Área de Transportes de Galicia

A conselleira remarcou que a Xunta, mediante este proxecto, traballa para estender ao conxunto de concellos galegos as vantaxes do Plan de transporte metropolitano que desde hai anos desfrutan os usuarios do autobús das contornas urbanas de Galicia.

Destacou que esta Área de Transporte ten a vocación de responder de forma máis eficaz ás necesidades de mobilidade do rural, fomentando tamén o emprego do transporte público.

Neste sentido, subliñou que a incorporación á Área de Transporte de Galicia será automática e gratuíta para un total de 119 concellos galegos do rural, con menos de 2.000 habitantes ou un importante índice de dispersión.

Puxo en valor a aposta polo transporte público por parte do Goberno galego, que culminou a finais do ano 2020 a renovación integral de todas as liñas de autobús interurbano da comunidade.

En total, trátase de 3.400 liñas de autobús renovadas, que realizan 2,3 millóns de servizos, é dicir, un 97% máis que antes; e que fan 53.000 paradas, un incremento do 160%.

Precisou que as novas modalidades como o autobús compartido, que permite o emprego das prazas baleiras do autobús escolar, ou os servizos baixo demanda, multiplicaron a cobertura territorial do transporte público e as posibilidades de acceder a el para os veciños do rural.

Ethel Vázquez tamén recordou o éxito da tarxeta Xente Nova, coa que os mozos menores de 21 anos viaxan gratis en todos os autobuses da Xunta. Concretou que máis de 6.300 mozos de Lugo están a beneficiarse desta medida que constitúe unha axuda económica ás súas familias. Puxo como exemplo a un mozo de Monforte que estude en Lugo, que pode aforrar ata uns 1.700 euros ao ano nos seus desprazamentos durante o curso escolar.

Fixo fincapé en que esta aposta polo transporte público nun territorio disperso como Galicia, que ten a metade dos núcleos de poboación de España, ten un alto custo, xa que a Xunta destina máis de 80 millóns de euros cada ano a mantelo en funcionamento.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17056488990784