300 persoas participarán na V Ruta BTT San Simón da Costa
O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde; o alcalde de Muras, Manuel Requeijo Armejo; o alcalde de Xermade, Roberto García Pernas; o concelleiro de Deportes de Vilaba, Julio Vázquez Otero; e o presidente da Asociación Clube Ciclista Terrá Chá, Miguel Esmoriz, presentaron na Casa da Cultura de Vilalba, a V Ruta BTT Terra Chá do Queixo San Simón da Costa, que terá lugar o 6 de abril e transcorrerá polos concellos de Muras, Xermade e Vilalba. O Executivo Provincial colabora na promoción e difusión deste evento que chega a súa quinta edición.
A cita contará con tres percorridos, un de 35 quilómetros, un de 48 e outro de 68 quilómetros. A gran aceptación desta proba obrigou aos organizadores a ampliar o número máximo de inscricións, que este ano chega a 300. Como novidade, a proba ciclista percorrerá o centro de Muras.
Vidal Baamonde subliñou que “estamos ante unha ruta cicloturista xa consolidada. Unha aposta por promover a economía local e potenciar o valor turístico dos concellos de Muras, Xermade e Vilalba, e tamén unha forma diferente de atraer visitantes dun xeito máis activo, coñecendo o patrimonio natural e cultural da zona”.
A ruta dará comezo as 9:00 horas con saída e chegada na praza da Constitución da capital chairega. Poderán participar todos os ciclistas maiores de 15 anos que teñan unha licencia federativa en vigor. A ruta conta con aparcamento, duchas, vestiarios así como lavado de bicicletas na contorna do polideportivo da Madalena, onde tamén se recollerán os dorsais.
Paralelamente, na praza da Constitución celebrase a XXV Festa do Queixo de San Simón da Costa: “onde visitantes, acompañantes e participantes poderán desfrutar e degustar un dos produtos típicos da nosa provincia, incluíndo o recoñecido queixo denominación de orixe San Simón da Costa de Vilalba. Unha cita que achegará a numerosas persoas a esta localidade” sinalou o Deputado.