35 vehículos clásicos fixeron parada en Outeiro de Rei no Rally The Globe

LugoXa | TerraChaXa
A chegada dos participantes estivo acompañada pola música tradicional dun gaiteiro, dando un especial ambiente á recepción
rally-the-globe-outeiro-de-rei
18 Sep 2026

O municipio de Outeiro de Rei converteuse nunha das paradas da ruta internacional de vehículos clásicos Rally The Globe, coa chegada de 35 automóbiles históricos que permaneceron estacionados no aparcadoiro de Casas da Fortaleza.

A presenza destes vehículos suscitou o interese de veciños e visitantes, que tiveron a oportunidade de achegarse ao lugar para contemplar de preto auténticas xoias da automoción clásica e coñecer unha das rutas máis singulares protagonizadas por este tipo de vehículos.

A chegada dos participantes estivo acompañada pola música tradicional dun gaiteiro, dando un especial ambiente á recepción. Os pilotos foron recibidos pola tenente de alcalde de Outeiro de Rei, Begoña Seco, en representación do Concello.

Durante a súa estancia no municipio, o Concello tamén fixo entrega de varios agasallos aos participantes como mostra de agradecemento pola súa visita e por incluír Outeiro de Rei no percorrido desta singular ruta.

Desde o Concello de Outeiro de Rei agradecen a visita de Rally The Globe e destacan a oportunidade que supón para o municipio acoller iniciativas deste tipo, que permiten dar a coñecer o patrimonio, os espazos e os atractivos de Outeiro de Rei a visitantes procedentes de diferentes lugares.

A parada deixou no municipio unha estampa singular, coa presenza de 35 vehículos clásicos xuntos no contorno de Casas da Fortaleza, convertendo por unhas horas este espazo nun punto de encontro para os amantes do motor e dos vehículos históricos.

0.14477014541626