36 persoas participaron na última camiñada da oitava edición de Guitiriz en Ruta

TerraChaXa
A próxima saída do programa terá lugar o domingo 20 de decembro, coa realización da Ruta da Auga de Parga a San Alberte
guitiriz-en-ruta
28 Oct 2026

Un total de 36 persoas participaron o pasado domingo, 25 de outubro, nunha nova saída da oitava edición do Guitiriz en Ruta, o programa de sendeirismo organizado polas Escolas Deportivas Municipais de Guitiriz coa colaboración do Concello de Guitiriz.

Nesta ocasión, o grupo realizou unha andaina lineal de 13 quilómetros pola Ruta do Bosque da Fervenza, nun percorrido entre Lugo e O Corgo. A actividade comezou na antiga depuradora de Lugo e rematou no Bosque da Fervenza, nunha mañá de outono marcada polo bo tempo e unhas condicións estupendas para camiñar.

Ao longo do percorrido, os participantes seguiron unha fermosa senda paralela ao río Miño, desde a desembocadura do río Rato ata o bosque da Fervenza. A ruta permitiu desfrutar da paisaxe fluvial e descubrir a riqueza natural deste espazo, unha espectacular fraga con árbores centenarias e carballos de máis de 300 anos de idade. O bosque destaca polo seu valor ecolóxico e por ser un dos bosques de inundación mellor conservados da Península, xa que conserva en bo estado a vexetación propia das zonas afectadas polas crecidas do río Miño.

Durante a andaina, o grupo realizou unha parada na casa de turismo rural Casa Grande da Fervenza, onde tivo a oportunidade de visitar un antigo muíño do século XVII e coñecer diferentes curiosidades sobre a súa historia e funcionamento. Tras esta visita e un pequeno descanso, os participantes retomaron o camiño para completar o percorrido ata o destino final.

A próxima saída do programa Guitiriz en Ruta terá lugar o domingo 20 de decembro, coa realización da Ruta da Auga de Parga a San Alberte, polo Camiño Norte de Santiago. A andaina sairá ás 10:00 horas desde as instalacións do CIT de Parga.

0.14698600769043