40 millóns de euros para impulsar 24 proxectos industriais e empresariais en concellos de Transición Xusta

GaliciaXa | TerraChaXa | FerrolXa
As iniciativas, distribuídas nunha vintena de municipios, permitirán crear 223 novos postos de traballo
vista-area-lago-das-pontes
17 Nov 2026

A Xunta de Galicia destinará 38,99 millóns de euros a apoiar 24 proxectos industriais e empresariais na provincia da Coruña a través do Fondo de Transición Xusta (FTX). As iniciativas seleccionadas permitirán mobilizar un investimento total de 126,23 millóns de euros e crear 223 novos postos de traballo en máis dunha vintena de concellos coruñeses.

O Consello da Xunta coñeceu un informe sobre as dúas liñas de apoio impulsadas pola Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), co obxectivo de favorecer a reindustrialización, diversificar a actividade económica e xerar novas oportunidades laborais nos territorios afectados polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama.

As axudas permitirán implantar novas iniciativas empresariais e modernizar actividades xa existentes en sectores moi diversos, como a industria agroalimentaria, a economía circular, a siderurxia, a defensa e a transformación industrial. A estratexia combina o respaldo a grandes proxectos industriais con capacidade tractora co financiamento de pequenas e medianas empresas.

A primeira das liñas, destinada á descarbonización e á renovación industrial, conta con catro proxectos cunha proposta favorable de axudas por valor de 20,58 millóns de euros. Estes investimentos mobilizarán 98,01 millóns de euros e permitirán crear 140 empregos. As actuacións están vinculadas á modernización do sector siderúrxico na Laracha, á economía circular e á reciclaxe na contorna de Meirama e á implantación de nova actividade industrial relacionada coa defensa nas Pontes.

Pola súa banda, o programa de préstamos parcialmente reembolsables contempla 20 operacións cun financiamento proposto de 18,41 millóns de euros. Esta cantidade permitirá impulsar investimentos empresariais por valor de 28,22 millóns de euros e crear outros 83 postos de traballo en 20 municipios da provincia.

Este instrumento combina préstamos e subvencións nunha mesma operación e está orientado a apoiar a creación de novos establecementos, a ampliación da capacidade produtiva, a diversificación das actividades e a modernización dos procesos empresariais.

Un dos aspectos máis destacados desta liña é o seu alcance territorial. Dos 20 concellos beneficiados, 15 teñen menos de 15.000 habitantes e concentran o 80,8 % do financiamento proposto, cun total de 14,88 millóns de euros. Entre os municipios que recibirán un maior volume de recursos figuran A Laracha, Fene, Boiro e Tordoia.

Os proxectos abranguen actividades tan diferentes como a industria manufactureira, a transformación industrial, o sector agroalimentario, a construción e o turismo. Entre as iniciativas seleccionadas destacan a construción dunha nova planta de cacao en Fene, a fabricación de vivendas modulares eficientes en Curtis e a produción de plásticos e transformación de redes en Boiro.

Con esta mobilización de recursos europeos, o Goberno galego busca reforzar o tecido produtivo da provincia da Coruña, favorecer a implantación de novas actividades económicas e avanzar cara a un modelo industrial máis competitivo, diversificado e sustentable, especialmente nos territorios afectados pola transición enerxética.

0.14721488952637