Catalunya, Catalunya, Catalunya

TerraChaXa
Por Lucía Otero Gato Xa o di o refrán: despois da tormenta vén a calma.
Lucía Otero Gato
18 Xan 2018

Por Lucía Otero Gato

Xa o di o refrán: despois da tormenta vén a calma. Así pois, pouco a pouco, Catalunya vaise recuperando dos turbulentos acontecementos que padeceu nos últimos tempos. Quedan atrás, aínda que non no esquecemento, os golpes que o Goberno de Mariano Rajoy ordenou para deter o referéndum do 1 de outubro. Algúns dos presos políticos lograron abandonar o cárcere —lugar que nunca deberon pisar—. O Ministerio do Interior cerrou por fin a ‘Operación Copérnico’, mediante a cal tiña barcos e forzas policiais asediando Barcelona, coma se dunha guerra se tratara. O pasado 21 de decembro celebráronse as famosas eleccións para a constitución dun novo Govern e afortunadamente non houbo ningún incidente grave. Polo tanto, semella que as cousas van volvendo á normalidade.

Canto aos resultados das eleccións, os partidos independentistas —Junts per Catalunya, Esquerra Republicana de Catalunya-Catalunya Sí e Candidatura d’Unitat Popular— gañaron en escanos, pero non en votos. Conseguiron un total de 70 escanos e unha porcentaxe de votos do 47,49 %, fronte aos partidos non independentistas, que acadaron 65 escanos e o 52,07 % dos votos. Una das formacións menos votadas, como cabía esperar, foi o Partido Popular, que obtivo tres escanos grazas a un 4,24 % dos votos. Está claro que tras estes pésimos resultados, os fascistas terán que recuar co rabo entre as pernas e escoitar o doce son da democracia, malia que lles sexa desagradable. Quen será agora o President da Generalitat? Debido a que ninguén ten maioría absoluta, hai que agardar as posibles coalicións. Non obstante, todo apunta a que o desterrado Puigdemont tomará novamente as rendas do Govern. Por outro lado, o Partido Popular, concretamente a vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría, foi protagonista durante a campaña electoral dun episodio do máis bochornoso. Sáenz de Santamaría deu un mitin en Girona o 16 de decembro no que presumiu de “descabezar” a Esquerra Republicana de Catalunya e a Junts per Catalunya, posto que Oriol Junqueras está preso e Carles Puigdemont exiliado en Bélxica. Tamén alardeou de ter cerrado as embaixadas: “¿Quién ha cerrado las embajadas? Mariano Rajoy y el PP”. Lamentable. Só lle faltou poñerse a cantar o “Cara al sol”.

Por último, non nos podemos desacordar que aínda a día de hoxe hai políticos presos sen motivo: Oriol Junqueras, Joaquim Forn, Jordi Sànchez e Jordi Cuixart. Estas persoas simplemente promoveron un referéndum para coñecer a opinión da cidadanía acerca da soberanía catalá. Isto é ético e constitucional, porque as nacións teñen dereito á autodeterminación. Que esta xente estea na cadea é unha mostra da falta de separación de poderes en España, separación que xa reivindicaba Montesquieu no século XVIII. No estado español o poder executivo e o poder xudicial conflúen claramente, o que é unha vergonza e un atraso. Por favor, que liberen dunha vez a estas persoas!

En conclusión, en Catalunya as augas están volvendo ao rego, a pesar de que o Partido Popular continúe facendo das súas. Os resultados das eleccións do 21 de decembro danlles unha obvia vantaxe aos independentistas; porén, non posúen a maioría absoluta. É probable o regreso do presidente destituído Carles Puigdemont. Reclamo desde aquí a liberdade para os presos políticos retidos no cárcere polo Fascismo español!

 

0.2076997756958