52 equipos participaron esta fin de semana na III edición do Torneo de fútbol base de Outeiro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
En total, arredor de 700 xogadores participaron no evento, que atraeu a máis de 2.000 visitantes
torneo-futbol-base-outeiro-de-rei
5 May 2026

O municipio de Outeiro celebrou entre o venres 1 e o domingo 3 a terceira edición do Torneo de Fútbol Base–Concello de Outeiro, consolidándose como unha cita destacada no calendario deportivo formativo.

A competición reuniu un total de 18 clubs e 52 equipos, distribuídos en distintas categorías ao longo de tres intensas xornadas de fútbol.

O venres foi a quenda da categoría benxamín, con 16 equipos participantes. O título de campión foi para o SD Outeiro, mentres que o subcampionato recaeu na EF Polvorín.

O sábado competiron os 16 equipos da categoría alevín. Nesta ocasión, a EF Polvorín proclamouse campioa, seguida polo SDC San Roque como subcampión.

A xornada do domingo estivo dedicada á categoría prebenxamín, con 8 equipos en competición. O SD Outeiro volveu destacar ao proclamarse campión, mentres que o Polideportivo Maristas acadou a segunda posición.

Ademais, o torneo contou coa participación de 12 equipos na categoría biberón, que non tivo carácter competitivo. Os máis pequenos gozaron dunha xornada festiva con actividades lúdicas, inchables e pinchos, nun ambiente centrado no desfrute e na convivencia.

En total, arredor de 700 xogadores participaron no evento, que atraeu a máis de 2.000 visitantes durante as tres xornadas. A pesar da choiva caída na tarde do sábado e durante o domingo, o torneo desenvolveuse con normalidade, reafirmando a súa consolidación e o excelente ambiente vivido en Outeiro.

0.12953495979309