75 aspirantes dispútanse as 37 prazas no Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo

Un total de 75 aspirantes veñen de superar unha das últimas fases do proceso selectivo para cubrir 37 prazas de bombeiro-condutor do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo. Trátanse das probas físico-profesionais que se desenvolveron no Parque de Bombeiros de Lugo do 10 ao 12 de novembro (ambos incluídos). Os candidatos demostraron as habilidades e destrezas necesarias para o desempeño das funcións propias do servizo a través de tres exercicios: rescate en espazos confinados, traballo en altura e instalación de mangueiras.
A primeira proba consistiu nunha práctica en espazos confinados. Os aspirantes accederon a un recinto con visibilidade reducida e localizaron e rescataron un boneco situado no seu interior. O exercicio permitiu comprobar a súa capacidade de orientación e resposta en ambientes pechados e escuros, así como a súa aptitude para realizar tarefas de salvamento.
A segunda proba avaliou a capacidade para o traballo en altura mediante a subida e baixada dunha autoescada duns 20 metros de lonxitude. Durante o percorrido, os candidatos debían identificar unha inscrición alfanumérica desde a altura, comunicala ao persoal situado na cesta e realizar un nó de seguridade con corda de escalada.
Por último, a proba de instalación de mangueiras que consistiu en montar e conectar as mangueiras ao camión de bombeiros. Unha vez preparada a instalación, os aspirantes debían abrir o paso da auga e utilizar a mangueira para derrubar un obxectivo situado a dez metros de distancia.
37 prazas para os seis parques comarcais
Este proceso selectivo permitirá incorporar 37 bombeiros-condutores aos parques comarcais de Viveiro, Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos e Chantada. Do total de prazas convocadas, 26 son de nova creación e 11 corresponden a vacantes.
A distribución prevista contempla catro incorporacións en cada parque, agás nos de Vilalba e Monforte de Lemos, que sumarán cinco efectivos cada un.
A convocatoria iniciouse en setembro cun exame teórico e 233 aspirantes. Posteriormente, 104 superaron as probas físicas celebradas os días 14 e 15 de outubro nas instalacións deportivas da Pinguela, en Monforte de Lemos. Desta cifra, foron 101 candidatos os que se presentaron finalmente á convocatoria das probas físico-profesionais.
Unha vez finalizadas as probas físico-profesionais, o proceso continuará coa proba de lingua galega e un test psicotécnico. Posteriormente, publicarase a listaxe coa puntuación final da fase de oposición e abrirase un prazo de cinco días hábiles para que as persoas aspirantes presenten a documentación acreditativa dos méritos, entre os que se valorará a experiencia profesional en servizos de emerxencias.
A incorporación dos 37 novos bombeiros-condutores permitirá reforzar os cadros de persoal dos seis parques comarcais da provincia, cubrir as vacantes existentes e dotar o servizo de novos efectivos para mellorar a súa capacidade de resposta ante incendios e outras situacións de emerxencia. Trátase dun dos compromisos adquiridos no marco do novo convenio e a nova relación de postos de traballo do Consorcio aprobados durante o ano 2025. Actualmente, o a cadro de persoal do Consorcio conta con 120 prazas.
O aumento do persoal dos parques comarcais de Bombeiros súmase a outras actuacións levadas a cabo para mellorar a estabilidade e seguridade laboral.
Algunhas desas melloras consistiron nun aumento salarial anual de 6.000 euros na categoría de bombeiro, na redución de 158 horas anuais, o recoñecemento como persoal laboral fixo de traballadores con contrato indefinido no momento da subrogación que se produzo o 1 de maio de 2019, permisos e licenzas, melloras no equipamento e na roupa de traballo, redución da mobilidade entre parques comarcais, axudas sociais e disposición de asuntos propios.
Novos compromisos para reforzar os servizos de emerxencias da provincia
A Deputación de Lugo incluirá nos Orzamentos de 2027 a partida económica que lle corresponde para avanzar na integración dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) no Consorcio Provincial de Bombeiros, tal e como se comprometeu a presidenta, Carmela López. A institución provincial está á espera de que a Xunta de Galicia responda á petición de entrevista para abordar esta cuestión e avanzar no diálogo entre ambas administracións.
As contas do vindeiro ano tamén contemplarán fondos para reforzar o GES de Cervo, pasando de 12 a 18 traballadores, e para redactar o proxecto dun futuro parque comarcal de bombeiros na Montaña, co obxectivo de mellorar a atención ás emerxencias nesta zona da provincia.