A Agrupación Coral Endesa As Pontes lerá o pregón inaugural das festas das patronais

TerraChaXa
Está formada por 32 compoñentes baixo a presidencia de María del Carmen Freire. Levan traballando de forma ininterrompida desde 1974
concerto-coral-endesa-portada
Coral das Pontes
18 Xul 2024

Todos os anos, o Concello escolle un colectivo ou organización con especial relevancia para ler o pregón inaugural das festas do Carme, que este ano terá lugar este venres 19 de xullo, ás 20.30 horas, na praza do Concello, animado tamén pola actuación de Arrivederchi.

Nesta ocasión, a coral non cantará, senón que falará para poñer á veciñanza das Pontes en marcha con motivo das festas. Aínda así, terán as súas actuacións tamén.
Serán, polo tanto, os encargados de abrir a programación das Noites do Carme, o luns 15, ás 21.00 horas na praza de América.

As súas actuacións volverán estar vinculadas unha vez máis aos oficios relixiosos. Así, o sábado 20 actuarán sobre as 21.30 horas na praza do Hospital, coincidindo co descanso da procesión e xunto a un espectáculo piro-musical na honra á Virxe do Carme. Acompañados pola Banda Municipal cantarán un ano máis a Salve Mariñeira, unha das pezas vogais máis apreciadas e que emociona pola súa beleza aos asistentes.

Tamén está prevista a súa participación na celebración da Eucaristía o domingo na igrexa parroquial onde cantarán durante a misa.

A Coral Endesa das Pontes foi escollida para dar o pregón inaugural xa que celebrou este ano os 50 anos de vida. Para iso ofreceron nas Pontes un concerto no auditorio Cine Alovi, que novamente foi un éxito como todas as súas actuacións neste últimos anos, xa que a Coral é xa un referente. Estiveron presentes moitos antigos compoñentes da formación, o que deu lugar a un acto moi emotivo.

A FORMACIÓN

Actualmente a Coral está formada por 32 compoñentes baixo a presidencia de María del Carmen Freire. Levan traballando de forma ininterrompida desde o ano 1974, cando botaron a andar baixo a dirección de Alfonso de la Torre, o cura de Burgás, que foi o gran impulsor.

Comezaron sendo unha coral de homes, xa que todos eles eran traballadores de Endesa, pero non tardaron en abrir a formación á incorporación das mulleres e logo tamén chegaron os fillos, que nalgúns casos substituíron aos seus maiores na formación e noutros sumáronse.

Así, a súa composición foi flutuando cos anos, mesturando cantantes preparados e con formación musical previa con outros que aportaron só as súas ganas de cantar, o que non foi ningún impedimento para facer un grupo unido que acumula ao longo destes anos milleiros de experiencias e lembranzas.

Actualmente, a formación está baixo a batuta de Xurxo Iglesias, que se incorporou hai dous anos e que é o primeiro director que é natural das Pontes.

Malia que foron mudando a formación ao longo deste tempo teñen catro compoñentes que continúan cantando desde a súa fundación. Así, mantén vivo o seu repertorio histórico, no que van introducindo novas cancións; unha forma de atraer a novos públicos, pero tamén fichaxes, porén o que máis botan en falta é a chegada de voces novas.

“Malia non animarse moita xuventude a cantar, nos seguimos con gusto e desfrutamos da música e da amizade cos que formamos o coro”, di Carmen Freire.

AS ACTUACIÓNS

As actuacións dependen un pouco dos compromisos adquiridos ou de que os chamen outras corais para ir actuar con intercambios, pero teñen unha serie de concertos que fan no pobo todos os anos coma unha cita obrigada.

Por exemplo no 2023 fixeron arredor de 12 actuacións, aínda que pode variar dun ano a outro. Entre os concertos fixos figura a Mostra Coral Vila das Pontes, da que son organizadores e que neste mes de xullo chegará á súa XXXVII edición.

Nesta ocasión contarán coa Coral de Ribadeo e a Polifónica de Ferrol para acompañalos.

Outra das citas previstas é o recital que farán en Foz o 3 de agosto.

Ademais, convocan os concertos de Outono, previsto para o 26 de outubro, e o de Nadal, o 15 de decembro. En ámbolos dous participan con coros ou agrupacións de distintos formatos xa que prefiren sempre facer colaboracións para seguir aprendendo e desfrutando da música.

Aínda que algúns deles chegaron á agrupación sen formación musical, realizan de vez en cando algún curso de técnica vogal.

Este traballo de actuacións ten por detrás un intenso traballo de ensaios, xa que reúnense hora e media dous días a semana para preparar as súas actuacións.

OS PREMIOS

O longo da historia da Coral tense recoñecido o seu traballo con algúns premios. Nos oitenta por exemplo, gañaron o certame de Torrevieja en dúas ocasións consecutivas, un ao de mellor polifonía e outro ao de mellor canción.

Afirma a presidenta que os distintos galardóns obtidos foron acollidos con alegría pero “do que estamos todos satisfeitos é de conseguir que a Agrupación Coral Endesa siga cantando e levando as nosas cancións e representando ao noso pobo por onde imos”, explica a súa presidenta.

Actualmente, contan co apoio do Concello das Pontes, da Deputación da Coruña e de Fecoga para seguir adiante.

E doutras das cousas das que pode presumir esta coral é de que ter xente nada e residente nas Pontes, “algo do que nos sentimos moi orgullosos e desexamos a tódalas persoas que nos visiten ou escoiten unhas Felices Festas”.

coral-endesa-as-pontes
0.069730043411255