A alcaldesa de Rábade busca melloras para o Concello nunha reunión coa directora xeral de Urbanismo
A alcaldesa de Rábade, Remedios González, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, para abordar diversas melloras que precisa o municipio relacionadas co territorio, o medio ambiente e a vivenda.
En concreto, a rexedora trasladoulle á dirixente autonómica a necesidade de acometer melloras no polígono industrial, tras ter detectado algunhas deficiencias á súa chegada ao Goberno municipal. Entre as melloras precisas tamén se contempla realizar modificacións ao PXOM para adaptar á lexislación vixente as industrias afectadas.
En canto ao Plan Xeral de Ordenación Municipal, o Goberno local está revisando o documento para corrixir os reparos que puxo no seu momento a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e proceder á súa aprobación inicial, así como algunhas outras modificacións que o Goberno local ten previsto levar a cabo.
Outro dos temas que abordaron foi o impulso ao proxecto de cohousing ‘Lar do Regueiro’ de cara a realizar as modificacións urbanísticas precisas para favorecer o seu desenvolvemento.