A alcaldesa de Vilalba agradeceu ao HUME o seu labor durante a pandemia

TerraChaXa
O Concello de Vilalba acolleu a visita de Juan José Fernández Arrojo, subdelegado de Defensa en Lugo, onde foi recibido pola alcaldesa, Elba Veleiro; a concelleira de Educación, Infancia e Mercados, Antía Rama; o concelleiro de Infraestruturas, Luís Fernández; e o concelleiro de Rural e Medio Ambiente, Ignacio Criado.
12 Xan 2023

O Concello de Vilalba acolleu a visita de Juan José Fernández Arrojo, subdelegado de Defensa en Lugo, onde foi recibido pola alcaldesa, Elba Veleiro; a concelleira de Educación, Infancia e Mercados, Antía Rama; o concelleiro de Infraestruturas, Luís Fernández; e o concelleiro de Rural e Medio Ambiente, Ignacio Criado.

Aínda que o coronel acudiu como convidado ao Certame Literario das Festas de San Ramón deste 2022, o encontro serviu de presentación oficial tralo seu nomeamento o pasado mes de xullo. Tanto Juan José Fernández Arrojo como Elba Veleiro amosaron a súa total disposición para fixar lazos de colaboración entre ambas institucións que redunden nun mellor servizo á cidadanía.

O subdelegado de Defensa en Lugo e a corporación municipal vilalbesa conversaron sobre a actualidade social tanto local como xeral e repasaron o vivido nos últimos anos, especialmente durante a dura etapa da pandemia, onde a institución militar tivo un papel clave á hora de prestar axuda aos cidadáns e aos propios concellos.

Nun clima de máxima cordialidade, a alcaldesa trasladoulle o recoñecemento e a gratitude “pola labor realizada en todo momento por parte das forzas armadas que velan pola seguridade e os dereitos dos cidadáns”.

"Agradecemos firmemente a colaboración prestada polo exército durante a pandemia tanto a nivel de seguimento telefónico de casos de covid como, a través da UME, en labores de desinfección do entorno do Centro de Saúde, na Residencia de Persoas maiores, no Hospital Asilo, e nos diferentes establecementos”, Elba Veleiro.

“Feitos así contribúen a esa aproximación entre as Forzas Armadas e a cidadanía, un obxectivo importante como o propio subdelegado recorda a miúdo”, subliñou a rexedora.

Tras este primeiro encontro, tanto Juan José Fernández Arrojo como a corporación municipal de Vilalba expresaron o seu desexo de que a colaboración entre ambas institucións no futuro permita desenvolver iniciativas comúns de tipo cultural, formativo ou divulgativo e despedíronse co compromiso de manter o contacto nos próximos meses.

0.18006992340088