A alcaldesa de Viveiro di que non houbo comunicado oficial ao respecto da visita da Conselleira
Estes días estivo en Viveiro a Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e non houbo comunicación oficial ao respecto, como tampouco adoita habela cando vén o Delegado da Xunta en Lugo, di a alcaldesa María Loureiro, "pois unicamente nos avisan en contadas ocasións cando se fai imprescindible" engade a alcadesa.
"Cando algún representante da Xunta se despraza a un concello, ese alcalde é invitado ao acto en cuestión e comparecen xuntos"; iso é o mesmo que piden os socialistas desde Viveiro.
"Na Xunta de Galicia deben entender que houbo unhas eleccións municipais e que os veciños decidiron que gobernásemos nós. O amor por Viveiro debe demostrarse, en primeiro lugar, mediante o respecto institucional que este equipo de goberno e a corporación municipal merecen, pois non creo que o voceiro do grupo popular poida considerar correcto que veña o delegado territorial e que se avise unicamente aos concelleiros do Partido Popular, sen avisar á Alcaldía, nin ao equipo de goberno, nin aos demais concelleiros da corporación, que tamén representan aos veciños" remata Loureiro.
Por todo isto, desde o Concello piden que no futuro deberían ter coñecemento en primeira persoa e non a través dos medios de comunicación xa que están "encantados con calquera inversión que se realice en Viveiro e alegranse das obras que se veñen anunciar", como no caso desta semana que a Xunta viaxou ata a vila para ver anunciar os investimentos que se farán na estación de autobuses, que necesita unha mellora e ten moitos anos.