A alimentación do gando vacún de leite, a análise nun foro na granxa Gayoso Castro

TerraChaXa | LugoXa
As novas alternativas forraxeiras para gando vacún de leite, a análise nun foro na granxa Gayoso Castro do Campus Terra
sesion granxa gayoso castro vacun de leite portada
sesion granxa gayoso castro vacun de leite portada
6 Nov 2022

O Campus Terra da USC organiza o martes 8 de novembro nas instalacións da granxa de que dispón en Castro de Ribeiras de Lea un foro sobre alternativas forraxeiras para gando vacún de leite orientado a informar a axentes do sector agrogandeiro do potencial produtivo e nutricional de especies e mesturas forraxeiras alternativas.

O programa, coordinado polo enxeñeiro agroforestal e investigador na EPS de Enxeñaría da USC Miguel Fernández Labrada, está incluído no plan de accións formativas do Campus Terra financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidades. As sesións previstas, que serán impartidas por Fernández Labrada, Ana Isabel Roca Fernández e Joel  Presa, desenvolveranse en quenda de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e poderán seguirse de xeito  presencial.

Os relatores que tomarán parte neste curso abordarán nas súas respectivas intervencións as diferenzas nos requirimentos edafoclimáticos, ademais de afondar en cuestións ligadas coa fertilización e uso do xurro, ou sobre o manexo e conservación de distintas forraxes de inverno en comparación co cultivo máis habitual en Galicia, o raigrás.

O curso, estruturado en distintos faladoiros, achegará ao público asistente información sobre as alternativas forraxeiras existentes ou que se están ensaiando na actualidade, ao tempo que explicará algunhas claves para elixir a mellor opción a empregar e para facer un adecuado manexo e mecanización das forraxes nas explotacións de vacún de leite.

Alén de afondar sobre os cultivos, desde o punto de vista da nutrición do gando, este curso tamén servirá para coñecer como lograr dietas máis equilibradas e menos dependentes dos concentrados. O uso de especies mellorantes para o cultivo que incluso poderían ser empregadas como abonos verdes e as prácticas medioambientais que rexen a concesión de axudas na nova Política Agraria Común (PAC), constitúen outros dos contidos incluídos no curso.

As persoas interesadas en participar neste foro  poden formalizar xa de balde a súa inscrición a través do formulario habilitado en liña. O número de prazas está limitado a 40 participantes.

sesion granxa gayoso castro vacun de leite
0.19917988777161