A ANPA de Xermade pecha hoxe o prazo para anotarse no Xantar Interxeracional do colexio

TerraChaXa
A organización tamén ten preparadas actividades específicas para a cativada, que contará con merenda e inchables durante a tarde
xantar-colexio-xermade
17 Jun 2026

A Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) do CEIP Plurilingüe de Xermade lembra que hoxe, mércores, é o último día para reservar praza no Xantar Interxeracional que se celebrará o sábado 20 de xuño no Chao da Brea.

A iniciativa está pensada como unha xornada de convivencia aberta ás familias e á veciñanza, co obxectivo de fomentar o encontro entre xeracións e fortalecer os lazos da comunidade educativa nun ambiente festivo e participativo.

O evento dará comezo ás 13.00 horas cunha sesión vermú e continuará ás 14.00 horas co xantar. O menú para adultos estará composto por xamón cocido, paella mixta, carrilleiras, sobremesa e café, cun prezo de 30 euros por persoa.

Para os máis pequenos haberá un menú infantil, destinado a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, formado por macarróns e milanesa, cun custo de 15 euros. Os menores de entre 0 e 5 anos poderán asistir de balde.

A organización tamén ten preparadas actividades específicas para a cativada, que contará con merenda e inchables durante a tarde, co fin de que os máis novos poidan desfrutar da xornada mentres as familias comparten este encontro. Tamén incluiuse unha festa da escuma debido ás altas temperaturas que se esperan.

As persoas interesadas en participar aínda poden adquirir os seus tíckets ao longo desta xornada, último día habilitado para a inscrición. A venda realizouse a través do propio CEIP de Xermade, da Perruquería de Candamil e tamén mediante contacto telefónico coa organización.

0.14194011688232