A ANPA do CEIP O Salvador organiza un campamento de verán para nenos e nenas de 3 a 12 anos en Pastoriza

TerraChaXa
Desenvolverase en dúas quendas, do 20 ao 31 de xullo e do 1 ao 8 de setembro, en horario de 09.00 a 14.00 horas e con servizo de madrugadores
campamento-anpa-ceip-o-salvador
10 Jul 2026

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP O Salvador da Pastoriza puxo en marcha unha nova edición do seu campamento de verán, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante as vacacións escolares e ofrecer actividades de lecer e convivencia aos máis pequenos.

O campamento desenvolverase en dúas quendas, do 20 ao 31 de xullo e do 1 ao 8 de setembro. O horario ordinario será de 09.00 a 14.00 horas, aínda que tamén se ofrece un servizo de madrugadores desde as 08.00 horas por un suplemento de 10 euros.

A programación está aberta tanto a socios como a non socios da ANPA. No caso dos socios, o prezo será de 25 euros por unha semana, 40 euros por dúas semanas e 50 euros por tres semanas. Para os non socios, as tarifas serán de 35 euros por unha semana, 50 euros por dúas e 70 euros por tres semanas.

Desde a organización indican que terán prioridade os nenos e nenas de Pastoriza, aínda que a actividade está aberta a participantes doutros concellos ata completar as prazas dispoñibles. A inscrición é obrigatoria e pode solicitarse a través dos membros da ANPA ou presencialmente na Librería-Bazar Soños de Pastoriza.

A ANPA anima ás familias interesadas a informarse e formalizar a inscrición canto antes, xa que as prazas serán limitadas. A iniciativa conta coa colaboración do Concello da Pastoriza e enmárcase dentro do programa Corresponsables, promovido por distintas administracións para favorecer a conciliación e a igualdade.

0.12203907966614