A ANPA do CEIP Plurilingüe Lagostelle pide que se restaure a praza de escolarización preferente

TerraChaXa
Aseguran que dous nenos do centro verán diminuídos os seus dereitos o vindeiro curso ao non conceder educación a praza
ceip-lagostelle
Imaxe do centro
2 Xuño 2024

Dende a ANPA do CEIP Plurilingüe Lagostelle trasladan o seu apoio as familias de dous nenos do centro que verán diminuídos os seus dereitos o vindeiro curso ao non conceder educación a Praza de Escolarización Preferente que estes xa tiñan concedida dende o 2019. As prazas de escolarización preferente son prazas de mestres especialistas en Audición e Linguaxe ou Pedagoxía Terapéutica para atender alumnado con NEE .

Os alumnos que xa non contarán o curso que ven con esta figura están diagnosticados có “Sindrome de Mowat Wilsom” , e “Autismo”. Ambos contaban con esta praza dende o ano 2019, mais o curso pasado a preferente que tiñan marcha para outro centro. Xusto no ano 2023 non se sacan estas prazas e de xeito transitorio educación outorgalle unha AL provisional, co compromiso de que para o curso 2024/25 terían novamente a preferente.

Para estes nenos ter unha mestra que teña continuidade no tempo é fundamental, xa que pola súa condición levan moi mal os cambios, e necesitan ter un apoio e referente na aula para que teñan unha inclusión real. Sen a súa figura, “moitas veces o que se produce é segregación, porque están na aula ordinaria pero a penas se lles inclúe, porque non todos pero moito profesorado titor descoñece como atendelos adecuadamente”. Por iso a praza de preferente é tan importante.

Aseguran dende a ANPA que no mes de maio estas dúas familias decátanse e que educación non lle concede ao CEIP Lasgostelle a praza e póñense en contacto co centro o cal lles informa que a decisión vén dende o inspector xefe, xa que o inspector de zona fixera o informe favorable. Coméntanlles que ao parecer hai outros centros de Lugo que o precisan máis, ao ter menos persoal e máis nenos con NEE.

Escrito ante inspección educativa

Tras esta resposta coa que non están de acordo, tanto a ANPA, como as familias presentan un escrito ante inspección educativa, e a Consellería de Educación o Departamento de Recursos Humanos pedindo que se restaure dita praza que xa tiñan concedida. Tamén falan telefonicamente có inspector xefe o cal lles explica que a situación das preferentes non funciona, xa que moitos dos mestres non respectan ese compromiso de estar os seis anos e polo tanto non se pode garantir a estabilidade que estes nenos precisan. Que o ideal é que estes nenos sexan atendidos polos AL/ PT e que teñen praza fixa no centro e  que os nenos estarán ben atendidos por unha AL provisional .

Dende a ANPA entenden que esta xustificación carece de fundamento, xa que os mestres con praza fixa poden concursar e cambiar de centro, polo tanto esa estabilidade que buscan conseguir co profesorado fixo do centro tampouco se cumpre. Ademais que se finalmente non mandan a ningún mestre, “xa que o da AL provisional dixéronllo de palabra”, os grandes prexudicados serán o resto de  que posúe algún problema de aprendizaxe (problemas de lectoescritura, déficit de atención, dislexia) deixarán de ser atendidos porque teñen mais prioridade estes nenos.

Para este grupo de pais e nais o problema de fondo vén da escaseza de persoal que teñen os centros para atender a nenos con NEE. “O que non pode ser é que lle quiten a estes nenos a súa mestra especialista porque ao parecer o necesitan máis outros centros”. E piden que a Consellería dote de máis persoal aos colexios para atender a diversidade para acadar unha inclusión real e verdadeira.

 

 

0.20805096626282