A Asociación Cultural Avelino Díaz lembra ao poeta no 129 aniversario do seu nacemento

TerraChaXa | AMariñaXa
As actividades comezarán este sábado coa representación da obra 'Alma de Grilo', de Ítaca Teatro, que terá lugar no Centro Sociocultural Avelino Díaz de Riotorto
actividades-asociacion-avelino-diaz
19 Nov 2026

A Asociación Cultural Avelino Díaz lembrará ao poeta no 129 aniversario do seu nacemento cunha programación de teatro, música e audiovisual que dá continuidade á labor de divulgación da vida e obra do autor que desenvolven desde hai máis dunha década.

Representantes da Asociación -Susa Gavín, Yoani Jartín, Araceli Pillado e Carlos Veiga- acompañados por Xavi Iglesias de O ´Xeito, pola deputada de Cultura Iria Castro e polo alcalde de Meira Antonio de Dios presentaron este mediodía o programa, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

As actividades comezarán este sábado - 21 de novembro, ás 16.30 horas – coa representación da obra Alma de Grilo, de Ítaca Teatro, que terá lugar no Centro Sociocultural Avelino Díaz de Riotorto.

O programa continuará o sábado seguinte -28 de novembro – en Meira coa presentación do libro O segredo do kiwi de Jozune Bargueiras ás 12.00 horas no Centro e co espectáculo Verbena Galega D´antes en tempos de Avelino, do grupo de música e baile tradicional O´Xeito, a partir das 19.00 horas na praza da vila. Trátase dunha actividade participativa na que a Asociación busca involucrar a toda a veciñanza, facendo un chamamento a asistir caracterizados coa indumentaria propia dunha verbena de antano.

As actividades continuarán o 9 de xaneiro no local da Asociación de Veciñas e Veciños de Órrea coa proxección do documental A voz do pobo, que recupera a historia dunha revista publicada nos anos oitenta pola Asociación de Fonmiñá (A Pastoriza) e que se propón como catalizador dun coloquio sobre o asociacionismo e o seu papel na emigración galega a América.

A deputada de Cultura Iria Castro valorou "o traballo que a Asociación Cultural Avelino Díaz desenvolve para recuperar e dar visibilidade á súa obra, con actividades que tratamos de acompañar e apoiar desde á área de Cultura como facemos co tecido asociativo e cultural da provincia" e destacou "a importancia de celebracións para popularizar a súa figura e reforzar o sentimento de comunidade arredor das tradicións e dos referentes culturais propios”.

A Asociación Cultural Avelino Díaz comezou con estas xornadas outonais en lembranza de Avelino Díaz hai cinco anos, no 125 aniversario do nacemento do poeta, e desde aquela, alternan a celebración entre Riotorto e Meira, os dous concellos en que viviu, con actividades que visibilizan a súa obra e afondan no coñecemento da historia local e da emigración galega a América, temáticas presentes na súa literatura.

A celebración do aniversario do poeta súmase ao traballo que a Asociación, constituída en 2014, desenvolve para ampliar a investigación e difusión da vida e da obra de Avelino Díaz para reivindicar  un día das Letras Galegas para Avelino Díaz con propostas como o popular Certame de Debuxo e Creación Literaria Avelino Díaz ou a edición do disco Na lírica emoción da Quenlla con poemas musicados de Avelino Díaz.

0.15830302238464