A asociación da Órrea recibiu os galardóns que premian as unidades didácticas sobre os segadores e os ferreiros

TerraChaXa | AMariñaXa
Representantes dos mestres e da asociación recolleron o galardón en Santiago
premio-unidade-didactica-orrea
25 Nov 2024

A Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea, en Riotorto, vén de recibir un dos Premios Educacompostela, que convocan o Concello de Santiago e o Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega. Os premios foron creados para recoñecer materiais didácticos que contribúen ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica e, neste caso recoñecen especialmente dúas unidades didácticas, sobre os ferreiros e sobre os segadores da Terra de Miranda, elaboradas ao mesmo tempo que o exitoso documental Segadores da Órrea en terras de Castela, unha historia de heroes. A referida Asociación da Órrea é a promotora de todas estas iniciativas.

O documental conta coa participación de 29 homes que participaron na sega en Castela, fenómeno este que se deu por rematado avanzada a década dos 60 do pasado século. Participan nel tamén 2 mulleres, que ofrecen a visión dos/das que se quedaban, e recibiu o recoñecemento unánime das máis de 2.000 persoas que o levan visto ao longo de toda a xeografía galega, tamén nos centros escolares.

Precisamente, para achegar esta parte da historia ao alumnado das etapas obrigatorias, profesionais da educación da parroquia da Órrea, agrupados baixo o nome de Os da Tiza, elaboraron unha unidade didáctica sobre os segadores e sobre todo o fenómeno histórico, cultural, antropolóxico e social que se creou arredor deles. Paralelamente, a educadora riotortense Paz López Teijo elaborou unha segunda unidade didáctica, neste caso centrada nos ferreiros e na industria do ferro. É obvio indicar que os segadores non poderían ter desenvolvido o seu traballo sen os ferreiros, e viceversa. Estas dúas unidades didácticas foron as que recibiron o premio entregado na Casa do Concello de Santiago.

A Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea estivo representada no evento por Mariluz Iglesias e Rebeca Fernández, dúas mestras que formaron parte do proxecto. No seu discurso de recepción valoraron especialmente o traballo colectivo realizado por un amplo equipo de profesionais, así como a transcendencia de todo o proxecto xerado arredor da historia dos segadores da Órrea que tivo, máis alá do seu valor de salvagarda da memoria colectiva, un efecto colateral fundamental: a consolidación do sentimento de pertenza á parroquia e de arraigo. Debe terse en conta que na parroquia de Santa Comba da Órrea viven actualmente non máis de 47 persoas de ordinario, fronte ás 647 coas que contaba nos anos 60 do pasado século.

As unidades didácticas poden descargarse, se así se desexa, na páxina web das V Xornadas da Terra de Miranda.

O Instituto de Educación Secundaria da Pontenova, situado en plena Terra de Miranda, puxo en marcha un ciclo formativo que intenta partir da industria do ferro desenvolvida na comarca ao longo dos séculos, dándolle continuidade nuns tempos mediatizados pola tecnoloxía e a globalización económica e cultural.

0.163743019104