A Asociación de Amas de Casa das Pontes organiza unha viaxe cultural e gastronómica a Lalín o 19 de novembro

A Asociación de Amas de Casa das Pontes organiza o vindeiro 19 de novembro de 2026 unha viaxe cultural e gastronómica a Lalín, unha xornada para descubrir o patrimonio, a cultura e a gastronomía galega coa tradición do Cocido de Lalín como protagonista.
A proposta inclúe o desprazamento en autobús, a comida e todas as visitas guiadas, cun prezo de 65 euros por persoa.
Durante a xornada, as persoas participantes poderán coñecer diferentes espazos de interese patrimonial. O programa inclúe unha visita guiada ao Museo Etnográfico Casa do Patrón, unha visita á exposición arqueolóxica do Castro de Doade e á recreación da Casa Castrexa, así como visitas ao Pazo de Anzuxao e ao Pazo de Linares.
A experiencia completarase cunha comida centrada no tradicional Cocido de Lalín. O menú comezará cunha sopa de cocido e continuará cun cocido completo, con verduras e legumes, entre os que se inclúen repolo, grelos, patacas e garavanzos, ademais de diferentes carnes e embutidos, como chourizos de Lalín, cacheira, lacón, codillo, orella, morro, lingua e tenreira. Para rematar, haberá sobremesas caseiras, con filloas e leite fritido.
As persoas interesadas en participar nesta viaxe poden solicitar información e realizar as súas reservas chamando ao teléfono 667 74 84 62.
A iniciativa está organizada pola Asociación de Amas de Casa das Pontes coa colaboración do Concello das Pontes e busca ofrecer unha xornada de convivencia que combine cultura, patrimonio e gastronomía tradicional galega.