A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental "A Mariña" celebra o seu vinte aniversario

TerraChaXa | AMariñaXa
A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña” celebrará o vindeiro sábado, 4 de maio, unha gala benéfica para celebrar os seus vinte anos de vida, baixo o lema “XX Anos Comprometidos coa Saúde Mental”.
2 abr 2019

A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental “A Mariña” celebrará o vindeiro sábado, 4 de maio, unha gala benéfica para celebrar os seus vinte anos de vida, baixo o lema “XX Anos Comprometidos coa Saúde Mental”.
O evento, que terá lugar nunha carpa instalada na Praza dos Campos en San Ciprián, a partir das 20:00 horas, foi presentado pola Directora Técnica Xeral de “A Mariña”, María José Nóvoa, polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, pola edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, polo presidente da entidade, Jorge Manchado, e pola familia ao conxunto da Unidade Residencial de Cervo.
Nóvoa quixo agradecer especialmente ao Concello de Cervo a súa colaboración para que esta Gala, na que estamos a depositar tantas ilusións, sexa unha realidade “contribuíndo sempre coa súa sensibilidade a visibilizar a este colectivo e as enfermidades mentais, e a loitar contra un estigma social que aínda se detecta hoxe na nosa sociedade”.
Pola súa banda, Villares quixo poñer en valor o gran traballo que están a desenvolver desde esta Asociación cuxa unidade residencial está ubicada en Cervo, na Bidueira “desde o Concello non podemos máis que poñernos sempre á súa disposición e colaborar en todo o que estea na nosa man, é un orgullo para nós ver como as persoas usuarias forman parte activa da vida de Cervo, contribúen xenerosamente a dinamizar o noso municipio, e se implican e participan en todas cantas actividades se programan”.
Armada tamén quixo animar a toda a xente da Mariña a que participe nesta Gala Benéfica para colaborar co colectivo; para a que xa están á venda os tickets nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e Ribadeo, na Unidade Residencial de Cervo (en horario de 10-14 h), no Restaurante O Noso Lar (San Ciprián), na Farmacia O Parque (Burela), en Calzados Tomás (Burela) e na Casa da Cultura de San Ciprián .
As entradas para adultos teñen un prezo de 30€ e poderán recollerse ata o 25 de Abril. Así mesmo, haberá ticket infantil por 10 euros. Unha parte do custo da cea será destinado integramente ao labor realizado nos distintos dispositivos da Asociación.
A Gala, que comezará ás 20:00 horas, estará amenizada por Arume, A Rebolaxe, Acordeonistas da Mariña, Tapy Öka, Foolmakers (formado por catro psiquiatras do Hospital de Lugo con formación musical que se xuntaron cun profesor de baixo da escola de música Fábrica de Sons para tocar, nun principio, nas Jam Sessions que a escola organizaba no Club Clavicémbalo. O grupo neses momentos quedou formado por Paula Cores,voz, Luís Vila,piano, Luís González, guitarra e voz, Isidro Gómez batería, e Carlos Doval, baixo. En Xaneiro de 2019 o guitarrista foi remprazado por Sergio Abuín. No 2018 sacaron o disco chamado Un polbo en San Froilán) e Izquierdo Sisters (formado polas actrices Lucía Veiga e Marita Martínez, especialistas en traballo teatral coa técnica de impro e nos beneficios de esa técnica para o desarrollo mental; unha maneira de facer comedia e humor moi especial.)
O encargado de elaborar e de servir o menú -a base de empanada caseira, lagostinos, carrilleiras, torta de San Marcos, viño, refrescos e café- será o Restaurante “O Noso Lar”.  No transcurso da Gala tamén haberá sorteos e máis sorpresas.
Dende a Asociación tamén queremos amosar o noso agradecemento a esas persoas, entidades e colectivos que, desinteresadamente, quixeron colaborar coa causa (como Activity Center, quen se encargará do Fotomaton ou Foto Sergio, quen saca a foto para a portada do noso número especial da Revista elaborada especialmente para a Gala; entre outros).
Queremos convidar a todos os mariñáns a que se unan a esta xuntanza para desfrutar dunha noite divertida, relaxada e en boa compaña; e tamén para traballar todos xuntos por romper co estigma que acompaña ás persoas con enfermidade mental e mellorar a súa calidade de vida.
A Asociación de Axuda ó Enfermo Mental “A Mariña”
A entidade, cos seus Centros de Rehabilitación psico-social e laboral, situados en Burela e Ribadeo, así como co piso protexido, trata de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen un trastorno mental crónico e das súas familias.
A apertura da Unidade Residencial en Cervo, así como a vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, supuxeron un adianto cuantitativo en canto a dar cobertura integral a moitas persoas diagnosticadas de enfermidade mental crónica que precisan dunha atención residencial integral.
A súa misión é, pois, prestar unha asistencia continuada ás persoas con enfermidade mental persistente para lograr a súa rehabilitación, así como á das súas familias, na Area Sanitaria da Mariña de Lugo, así como a nivel autonómico; xa que ten usuarios/as procedentes de toda a Comunidade Autónoma, sempre tendo en conta os valores de profesionalidade, transparencia, traballo en equipo, eficacia, afecto, comprensión, implicación e seguridade.
As Enfermidades Mentais
As enfermidades mentais representan unha importante carga para os pacientes que as padecen e para as súas familias. Na súa inmensa maioría, aparecen en idades produtivas da vida, tendo un alto impacto social en termos de taxa de desemprego, absentismo laboral e perda de produtividade no traballo.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que unhas 700 millóns de persoas no mundo padecen enfermidades mentais e neurolóxicas. Polo tanto, son enfermidades que padece unha gran parte da poboación; é máis, o 25% dos españois sofre alomenos un trastorno mental ao longo da súa vida.
Hai unha alta prevalencia da enfermidade mental. Algúns datos destacados extraídos do informe “Prevalencia dos trastornos mentais en Galicia” da Consellería de Sanidade do Censo de Discapacidade 2016 da Consellería de Política Social: 93.000 casos de psicose ou esquizofrenia en Galicia, o que supón un 8,2% da poboación adulta. Hai 55.124 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental en Galicia, o que supón un 18% do censo de persoas con discapacidade.  O 85% da atención ás persoas con problemas de saúde mental recae sobre as familias.  Aumentou un 10,82% a incidencia da enfermidade mental no período 2011-2014. O que conleva a aclarar que o 7,4% dos galegos experimenta un trastorno mental cada ano. O 43,6% das persoas con trastorno mental grave ou moderado non utilizan ningún servizo sanitario.
A alarma social dispárase cando a enfermidade mental se mistura con algún feito delituoso, sobre todo se é de carácter violento, e é entón cando se destapan as carencias e deficiencias do sistema para poder detectar a tempo os casos máis graves.
Polo tanto, se hai un incidente violento cunha persoa diagnosticada de trastorno mental severo, preguntamos que se fixo mal, que fallou no acceso desa persoa a un diagnóstico, tratamento e rehabilitación adecuados.
Sempre que se mencione, polo tanto, que os pacientes mentais graves poden ser violentos, debe lembrarse ao mesmo tempo, que o son menos que a poboación en xeral.
O tratamento das enfermidades mentais precisa dunha abordaxe global que inclúa atención médica, farmacolóxica, psicoterapéutica e familiar; pode levar unha vida autónoma igual que calquera outra persoa que padece outro tipo de enfermidade crónica.