A Asociación de Empresarios de Vilalba sortea 1.000 euros en vales na campaña de verán

A Asociación de Empresarios de Vilalba pon en marcha unha nova campaña de dinamización comercial coa que sorteará 1.000 euros en vales de compra, repartidos en dous premios de 500 euros, para agradecer as persoas que merquen nos comercios asociados participantes.
Baixo o lema “Marcho que teño que marchar”, a campaña desenvolverase do 22 de xuño ao 5 de xullo e ten como obxectivo animar á veciñanza a preparar as súas compras de verán no comercio local de Vilalba.
A iniciativa parte dunha idea sinxela e moi visual: antes de marchar, hai unha maleta que preparar. Unha maleta que pode ir enchéndose coas cousas que ofrece o comercio local: moda, calzado, complementos, produtos de beleza, agasallos, artigos de tempada, servizos profesionais ou mesmo propostas para organizar unha viaxe ou unha escapada.
Durante esas datas, as persoas consumidoras poderán conseguir participacións para o sorteo realizando as súas compras nos establecementos asociados participantes. Así, cada compra realizada no comercio local converterase tamén nunha oportunidade para participar no sorteo dos dous vales de 500 euros, que poderán empregarse de novo nos comercios da asociación.
Con esta campaña, a Asociación quere agradecer a confianza da clientela que aposta polo comercio de proximidade e poñer en valor a variedade de produtos e servizos que se poden atopar en Vilalba, especialmente coa chegada do verán, cando o comercio local se prepara para acompañar á veciñanza nos seus plans, viaxes, escapadas, celebracións e compras da tempada, demostrando que está presente tanto nos pequenos preparativos do día a día como nos momentos especiais.
A campaña “Marcho que teño que marchar” está organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Comercio Galego e o Concello de Vilalba.