A Asociación de Mulleres Rurais Agarimo de Santaballa prepara os novos cursos para 2026-2027

A Asociación de Mulleres Rurais Agarimo de Santaballa, en Vilalba, xa prepara a súa programación de actividades para o curso 2026-2027, cunha oferta que combina a recuperación da tradición musical galega coa promoción da actividade física e o benestar das mulleres.
Entre as propostas figura un curso de pandeireta, canto e pandeiro tradicional, impartido por Branca Villares. As clases celebraranse os mércores, de 18:00 a 19:30 horas, e estarán abertas tamén a aquelas persoas ás que lles guste cantar coas veciñas e queiran incorporarse ao grupo de canto.
A asociación tamén organizará unha actividade de ximnasia de forza e saúde feminina, que estará impartida por Sabela Pita. As sesións terán lugar os luns, de 18:00 a 19:00 horas, e desenvolveranse na Liga. O inicio destas actividades está previsto para o mes de outubro.
A programación complétase co reto lector, unha iniciativa coa que a asociación continúa animando á participación arredor da lectura. Ademais, as integrantes da entidade mantéñense como punto de encontro o último sábado de cada mes, ás 11:00 horas.
As persoas interesadas en obter máis información ou participar nas actividades poden contactar coa Asociación de Mulleres Rurais Agarimo de Santaballa no teléfono 647 441 099.