A asociación de Pino convoca o sexto concurso de caligramas

A Asociación Recreativa Cultural de San Martiño convoca unha nova edición do Certame de Caligramas Constanza de Castro, a sexta, que realiza en colaboración con Culturalia GZ e Caldaloba.es.
O Certame de Caligramas Constanza de Castro ten como obxectivo reivindicar a relevancia histórica e cultural deste emblema da Chaira, ademais de promover a creación artística. O obxectivo será crear debuxos con textos.
Neste concurso poderán participar todas as persoas maiores de 12 anos cunha única obra que será en formato e temática libres.
Haberá dúas categorías, para a mocidade ata 17 anos e para adultos, de 18 en adiante.
O prazo de presentación rematará o 31 de xaneiro e esta farase no correo electrónico certamespino@gmail.com que se enviará en sobres respectando o anonimato do concursante. O premio consistirá en senllos diplomas e 100 euros para o gañador de cada unha das categorías, mentres que os segundos recibirán 75 euros.
Os premios repartiranse durante a celebración do Día de Rosalía, o 27 de febreiro, pero o fallo do xurado darase a coñecer con anterioridade.