A Asociación de Veciños de Cabreiros incorpora un curso de baile tradicional galego á súa programación

TerraChaXa
A nova proposta estará impartida por Antía Franco Caaveiro todos os venres ás 16:30 horas, mentres continúan o club de lectura, a pandeireta, a ximnasia e o pilates
actividades-cabreiros
18 Sep 2026

A Asociación de Veciños de Cabreiros inicia o novo curso cunha nova proposta centrada na cultura galega: un curso de baile tradicional galego que permitirá aos participantes aprender e gozar da música e das tradicións propias do país nun ambiente participativo.

A actividade estará impartida por Antía Franco Caaveiro, música, creadora, investigadora e docente cunha ampla traxectoria no ámbito do baile e da música tradicional galega, así como na súa transmisión e renovación. As clases celebraranse todos os venres ás 16:30 horas no local da Asociación de Veciños de Cabreiros. As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a súa inscrición no teléfono 686 104 780.

A nova actividade súmase á programación que a asociación mantén durante o curso 2026-2027. Entre as propostas figura o club de lectura, que se reúne o último venres de cada mes ás 20:00 horas, e a actividade de pandeireta, programada para os sábados de 11:00 a 12:30 horas.

A programación inclúe tamén ximnasia os martes e xoves, de 19:30 a 20:30 horas, e pilates os luns e mércores, de 20:30 a 21:30 horas. Estas dúas últimas actividades teñen actualmente as prazas cubertas, aínda que a asociación permite anotarse para pasar a formar parte da lista de espera.

Desde a Asociación de Veciños de Cabreiros animan á veciñanza a participar nas diferentes propostas e lembran que ao longo do curso se irán incorporando novas actividades á programación.

0.15815186500549