A Asociación de Veciños de Goiriz organiza unha excursión a Chantada e O Saviñao

A Asociación de Veciños de Goiriz participará o vindeiro 29 de maio no programa da Deputación de Lugo Coñece a túa provincia cunha excursión destinada a descubrir diferentes enclaves patrimoniais e paisaxísticos dos concellos de Chantada e O Saviñao.
A actividade contará con 23 prazas e terá saída ás 08.50 horas desde a parada de autobús da Escola Habanera de Goiriz. A ruta, correspondente ao itinerario número 18 do programa provincial, incluirá visitas á igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, ao casco histórico de Chantada e á igrexa de San Estevo de Ribas de Miño ou ao pobo de Belesar.
Durante a xornada tamén está prevista a visita a unha adega da subzona de Chantada, permitindo ás persoas participantes coñecer máis de preto a tradición vitivinícola da Ribeira Sacra.
A excursión será gratuíta para as persoas participantes e incluirá transporte en autobús, guía acompañante, xantar, entradas aos lugares de visita e seguro de viaxeiros. Dende a organización recomendan acudir con roupa e calzado cómodo ou deportivo para desfrutar con maior comodidade da experiencia.
As persoas interesadas poderán inscribirse enviando unha mensaxe privada á asociación cos seus datos persoais. Debido ao número limitado de prazas, a asignación realizarase seguindo criterios organizativos que permitan unha participación equilibrada entre as persoas inscritas. Ademais, crearase unha lista de reserva para cubrir posibles baixas.