A Asociación de Veciños de San Cosme de Nete prepara a súa programación do curso

A Asociación de Veciños de San Cosme de Nete, en Vilalba, prepara unha nova programación de cursos e actividades para a tempada 2026-2027, cunha ampla oferta formativa dirixida tanto a nenos e nenas como a persoas adultas.
Entre as propostas figuran cursos de baile tradicional, gaita, acordeón, pandeireta e percusión tradicional, así como encaixe de bolillos, ganchillo, pilates, ximnasia de mantemento e bailes de salón, con modalidades como merengue, salsa, cumbia e pasodobre. A programación complétase cun curso de lingua de signos, pensado para achegar os participantes a esta forma de comunicación e facilitar a relación coa comunidade xorda.
No apartado musical, o curso de gaita estará impartido por Ángel Sendín e desenvolverase os luns pola tarde, mentres que as clases de acordeón, a cargo de Andrés Penabad, serán individuais. A formación en baile tradicional contará con Xabi Iglesias e Belén Fernández e celebrarase os sábados pola mañá. Sara Coello será a responsable dos cursos de pandeireta e percusión tradicional, con grupos para diferentes idades e horarios.
A oferta inclúe tamén clases de pilates con Miguel Rio e Yeni Franesqui, ximnasia de mantemento cos mesmos profesores, e bailes de salón impartidos por Chavi Paz. No ámbito das actividades artesanais, haberá cursos de encaixe de bolillos e ganchillo, este último con Pili Villar como profesora.
O curso de lingua de signos achegará aos participantes a unha linguaxe de carácter visual, xestual e espacial, sen necesidade de contar con coñecementos previos nin habilidades especiais.
O prazo para inscribirse remata o 25 de setembro. As persoas interesadas poden apuntarse chamando ou enviando unha mensaxe por SMS ou WhatsApp ao teléfono 646 006 167, correspondente a Gelu. Os cursos darán comezo na segunda semana de outubro, aínda que os días e horarios poderán variar en función do número de persoas inscritas e da dispoñibilidade dos monitores.
O prezo das clases dependerá do número de participantes en cada actividade e haberá descontos para os socios da asociación. A entidade tamén adianta que ao longo dos próximos meses se poderán organizar outros obradoiros de menor duración, entre eles de arranxos florais, cestería, manualidades, cociña, restauración de mobles ou tapicería.