A Asociación Forestal impulsa a creación de agrupacións de xestión conxunta do monte

TerraChaXa
A XXXVII Asemblea Xeral da AFG, que se celebrou en Guitiriz, pon o foco sobre necesidades estratéxicas do sector, como a mellora da fiscalidade forestal, unha demanda que a Asociación lle trasladará ás Administracións.
reunion sector forestal guitiriz
28 Apr 2024

A XXXVII Asemblea Xeral da AFG, que se celebrou en Guitiriz, pon o foco sobre necesidades estratéxicas do sector, como a mellora da fiscalidade forestal, unha demanda que a Asociación lle trasladará ás Administracións.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) vén de celebrar a súa XXXVII Asemblea Xeral en Guitiriz, nun acto ó que acudiron propietarios forestais e representantes de comunidades de montes veciñais de toda Galicia.

A asemblea serviu para facer balance da actividade da asociación no último ano, así como das liñas de traballo en marcha. Unha das principais cuestións que se abordou é o traballo que está desenvolvendo a Asociación Forestal de Galicia para impulsar unha serie de agrupacións de xestión conxunta do monte.

A creación das agrupacións é unha vía importante para mellorar a rendibilidade dos aproveitamentos, pois axuda a superar os problemas derivados do minifundio.

A AFG comezou xa a apoiar a creación de arredor de dez proxectos de agrupacións de xestión conxunta nas catro provincias galegas, en distintas fases, desde iniciativas en fase inicial a proxectos xa consolidados.

Entre os proxectos que se están poñendo en marcha figura en Lugo un en Momán (Xermade), xunto cun proxecto de consolidación da Sofor de Monte Candedo (Meira).

En Pontevedra, están un en Barcela (Arbo, Pontevedra), un en Mondariz, un en Moalde (Silleda) e un en Saiáns (Vigo); en tanto na Coruña cómpre destacar o proxecto de consolidación da Sofor de Cuns (Serra de Outes), e en Ourense un proxecto de nova agrupación en Piñor.

Contexto das agrupacións

As agrupacións de xestión conxunta son un instrumento definido na Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Trátase dunha figura orientada a promover, dun xeito voluntario, o manexo en conxunto de superficies forestais dun mínimo de 10 hectáreas, sen reestruturación da propiedade.

Con este instrumento búscase superar problemas derivados do minifundio, de cara a avanzar cara a unha silvicultura máis profesional, con economía de escala e cunha planificación forestal e ambiental do territorio.

Mellora da fiscalidade forestal

Outro dos focos da Asemblea da Asociación Forestal de Galicia situouse nas necesidades estratéxicas do sector, en especial na mellora da fiscalidade forestal.

A xestión do monte polos silvicultores é a mellor vía para reducir o abandono das masas e previr os incendios forestais. Por tanto, é preciso que se incentive esa xestión, que inclúe traballos como rozas ou rareos, cunha fiscalidade máis atractiva. As propostas da AFG céntranse en tres liñas:

A primeira liña é permitir que tódolos propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos).

A actual fiscalidade forestal penaliza os aproveitamentos forestais de quendas longas, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior ós 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias.

En aproveitamentos de quendas longas, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa -por exemplo, a gran maioría das persoas autónomas-, pagan ata catro veces máis no Imposto da Renda que os que estean en Estimación Obxectiva.

O problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ó real.

Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de turno longo, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciará unha serie de accións ante as Administracións públicas.

A segunda liña refírse ao caso dos montes veciñais, que habería que proceder a unha exención parcial do imposto de sociedades nos aproveitamentos forestais de quendas longas.

Esta medida, igual que no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e aportaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias.

A tereira liña consiste en establecer deduccións do 20% do IRPF para os investimentos no monte. A deducción do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes.

Enquisa sobre o proxecto Altri

Na asemblea fixéronse públicos os resultados dunha enquisa realizada aos socios da AFG, solicitando a súa opinión sobre o proxecto de instalación dunha nova planta de transformación de madeira de eucalipto para producir pasta de papel e fibra textil en Palas de Rei.

O 52,4% dos socios que responderon están de acordo coa instalación dunha nova industria de transformación de eucalipto en Galicia, o 40% en contra e o 7,6 % manifesta non ter opinión suficientemente formada ó respecto.

Polo que se refire á localización da planta, ao 41% non lles parece axeitada a localización de Palas de rei, ao 34,2 % parécelles ben e o 24,8 % non se pronuncia. Os resultados da enquisa e os comentarios recollidos, como parte da mesma, reflicten a pluralidade de pensamento e a diversidade de opinións dos socios da Asociación Forestal de Galicia, tanto propietarios particulares como representantes de comunidades de montes.

Os socios manifestan que, no caso de que a planta se estableza, os controis do impacto ambiental deben ser moi rigorosos, velando polo cumprimento da normativa nos ámbitos local, autonómico, nacional e da Unión Europea.

En canto ó perfil das persoas socias que responderon a enquisa, un 76% das que contestaron manifestaron ter eucaliptos nas súas propiedades, en tanto outro 24% non traballa con esa especie.

0.16706585884094