A Asociación Terra Chá - GDR 2 propón o reparto de máis de 725.000 euros para nove proxectos da zona
Ata sete proxectos produtivos e dous non produtivos recibirán axudas de Agader. Así o recolle a proposta de resolución dos expedientes da xunta directiva da Asociación Terra Chá – GDR 2.
Deste xeito, sete proxectos de empresas -dous de Xermade, dous da Pastoriza, un de Castro de Rei, un de Riotorto e outro de Vilalba- recibirán un total de 513.941,78 euros para executar en dúas anualidades; mentres que os dous non produtivos de entidades privadas -un de Castro de Rei e outro de Cospeito- se repartirán 212.430,83 euros tamén en dúas anualidades.
A proposta da distribución dos 726.372,61 euros de fondos foi realizada segundo a puntuación adquirida por cada un dos expedientes en función dun baremo público establecido por Agader que ten en conta diversos criterios relativos á situación xeográfica do proxecto, ao promotor ou á creación de emprego; ademais de ter en conta a tipoloxía do proxecto segundo nova creación ou ampliación.
Agora será Agader a que, previsiblemente, nas vinderas semanas publique a resolución.