A Asociación Veciñal As Campeiras organiza unha viaxe cultural a Viana do Castelo

A Asociación Veciñal As Campeiras promoverá os días 23 e 24 de maio unha viaxe a Viana do Castelo cun completo programa turístico e cultural dirixido ás persoas socias e tamén ao público xeral.
A excursión inclúe desprazamento en autobús, visitas guiadas e aloxamento no B&B Hotel Viana do Castelo. Durante a primeira xornada, as persoas participantes poderán coñecer o miradoiro de Santa Luzia e o centro histórico da cidade portuguesa, ademais de realizar unha visita ao barco museo Gil Eannes. O programa contempla tamén unha comida no restaurante Senhor Bacalhau, tempo libre pola cidade e noite de hotel con aloxamento e almorzo.
Na segunda xornada, a viaxe continuará con visitas a Barcelos e Ponte de Lima antes do regreso ás Pontes.
O prezo da actividade será de 180 euros para as persoas socias da entidade e de 195 euros para as non socias. As inscricións poden realizarse na Tenda de Elicio ata o vindeiro 9 de maio. Para máis información, a organización facilitou o teléfono 636 131 917.