A axente TIC de Guitiriz resultou premiada cos premios da Rede CeMIT

TerraChaXa
A iniciativa ‘Buscando ao rei’, na cal participaron un total de 35 persoas, foi escollida entre todas as candidaturas
Entrega-premio-tic-guitiriz
A axente TIC de Guitiriz, recibindo o premio
24 Maio 2024

A Axente TIC responsable da Aula CeMIT do Concello de Guitiriz, e Administradora da Aula Mentor Guitiriz, Ana María Pérez, resultou premiada na primeira edición dos premios Axentes TIC da Rede CeMIT co primeiro premio da categoría Espazo Maker.

Estes galardóns premian aos axente/s TIC ou responsable/s de aula que levasen a cabo a iniciativa máis creativa, orixinal e mellor desenvolta destinada a infancia/mocidade e/ou adultos. O acto de entrega celebrouse onte, xoves 23 de maio, no Centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

A iniciativa presentada desde a aula CeMIT de Guitiriz levou o nome de “Buscando ao rei”, e na cal participaron un total de 35 persoas, en parellas dun adulto e un menor. Presentáronse outras nas cales se empregaron algúns dos seguintes complementos tecnolóxicos innovadores: lentes de realidade virtual, drons, kits de robótica, impresoras 3D ou kits de placas de comunicación e programación.

I Premios Axentes TIC

Os premios axentes TIC están impulsados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa Rede CeMIT, agrupando a 96 aulas de todo o territorio galego, e teñen a finalidade de recoñecer o compromiso e a labor dos axentes TIC e responsables de aula que fan posible unha Rede CeMIT más eficiente e moderna que asegura que a cidadanía conte coas capacidades dixitais para poder participar de forma efectiva no novo contexto dixital.

Participaron nesta convocatoria todas as persoas que desenvolven labores de dinamización no ámbito dunha aula CeMIT (axentes TIC e responsables de aula da Rede CeMIT) mediante a realización de cursos, charlas etc., e que, mediante declaración responsable, acreditaron levar a cabo tales labores na aula que correspondente durante, como mínimo, o último ano.
Este premio reforza o compromiso de continuar traballando para achegar as novas tecnoloxías a cada recuncho da nosa sociedade, promovendo un futuro onde todos poidan beneficiarse dos avances tecnolóxicos.

Desde a Aula CeMIT do Concello de Guitiriz queren dedicar este premio “a todas as persoas, nenas e nenos, nais, pais e persoas maiores de idade que participan habitualmente nas actividades propostas dende a Aula”. “Sen a súa participación non seria posible alcanzar este reto”, afirman.

0.18470311164856