A Banda de Música de Vilalba prepara o seu gran Concerto de Nadal
A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) está a ultimar o seu tradicional Concerto de Nadal, unha cita que terá lugar o vindeiro mércores, 25 de decembro, ás 20:30 horas do serán, no Auditorio Municipal da capital chairega.
O director da agrupación, Dani Veiga, quixo destacar que será un “concerto moi especial”, no que a banda repasará grandes clásicos do cine de Nadal, como o Grinch ou Harry Potter, e tamén da música escénica, “dende as elegantes salas de Viena ata os teatros de Broadway”.
Con todo, a da banda non será a única cita musical dos vindeiros días, xa que o sábado 21 actuarán conxuntamente a Minibanda e o Minicoro de Vilalba nunha dobre sesión.
En primeiro lugar, estes pequenos músicos achegaranse ata o Hospital Asilo para desexarlles unhas boas festas ao persoal, residentes e familiares das persoas usuarias do centro, cun concerto que será pechado ao público externo.
A continuación, ambas agrupacións marcharán rumbo ao Centro Cultural e Recreativo (CCR), onde a partir das 19:30 horas ofrecerán a mesma actuación, neste caso para toda a xente de Vilalba que queira asistir.
Cabe lembrar que o Minicoro é un proxecto pedagóxico no que a Escola de Música de Vilalba (Esmuvi) está a traballar dende o curso 2022-2023, baixo a dirección de Baruk Domínguez, e que conta actualmente cunha quincena de membros de idades comprendidas entre os catro e os dez anos.
No tocante á Minibanda, proxecto conxunto entre escola e banda, continúa a dar “pasos de xigante” dentro da programación musical vilalbesa, cada vez con máis compoñentes e máis retos por diante de cara ao vindeiro ano 2025.
Ademais, co gallo destas actuacións, presentouse un novo episodio de O Podcast da Banda, a aventura radiofónica que celebra o seu segundo aniversario precisamente nestas datas, e con melloras importantes no aspecto técnico.
Neste caso, o episodio leva por título Mazapán de Viena, turrón de Hollywood e polvoróns de Broadway, facendo referencia ao repertorio que interpretará a banda no seu Concerto de Nadal.
Para este vindeiro ano, a idea dos seus impulsores, Baruk Domínguez e Dani Veiga, é contar coa colaboración de máis membros da banda e doutras entidades vilalbesas, así como doutras persoas relacionadas co mundo da música de bandas a todos os niveis.