A Banda de Vilalba honrará a Santa Icía este sábado cun concerto sobre música británica

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba (BMV) celebra o seu tradicional Concerto de Santa Icía este sábado 14 de novembro ás 20:00 horas do serán no Auditorio Municipal Carmen Estévez da capital chairega.
A agrupación dirixida por Dani Veiga presentará un programa conformado por catro obras orixinais para banda: dúas pertencen ao repertorio máis “clásico”, xa que foron compostas por dous dos autores canónicos da música británica como son Ralph Vaughan-Williams e Gustav Holst; e dúas son pezas máis contemporáneas, inspiradas ou baseadas no folclore das terras altas de Escocia e nos reels de Irlanda.
O programa completarase cunha selección do musical Cats, de Andrew Lloyd Webber, que contará cunha colaboración moi especial: a da soprano luguesa Sara Pérez Cruz, máis coñecida como Sara Nebra, que porá voz á popular tonada Memory.
As entradas, totalmente gratuítas, xa se poden reservar na páxina de entradasvilalba.es ou presencialmente na Casa da Cultura de Vilalba.
Asemade, e como ven sendo habitual, cada concerto da banda vén acompañado dun novo episodio do Podcast da Banda, un proxecto radiofónico propio que a asociación leva a cabo con motivo das súas actuacións e outras actividades.
O novo capítulo, titulado Grandes bréxitos da terra da nebra, no que se fai unha presentación máis exhaustiva das pezas do concerto e que conta coa participación da artista convidada ao evento, xa se pode escoitar a través das plataformas iVoox e Spotify.