A BFAero recibe 144 propostas de participación de 26 países

TerraChaXa | LugoXa
Un 47 % dos proxectos opta a entrar no itinerario de incubación, un 41 % no de aceleración e un 12 % no de consolidación.
patricia argerey rozas polo aeroespacial
5 sep 2023

Un 47 % dos proxectos opta a entrar no itinerario de incubación, un 41 % no de aceleración e un 12 % no de consolidación. O equipo da Business Factory Aero traballa na análise das propostas presentadas, entre as que se seleccionarán un total de 11 proxectos.

Un total de 144 propostas innovadoras do sector aeroespacial no segmento dos vehículos non tripulados son candidatas a entrar na 5ª edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos empresariais do Polo Aeroespacial de Galicia. Trátase do mellor rexistro obtido nas cinco convocatorias e supón un 63 % máis que a edición anterior, na que se recibiron 88 candidaturas.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, deu a coñecer o balance das solicitudes recibidas na última convocatoria do programa autonómico no marco da visita á startup Anduriña25, participante no itinerario de aceleración da 4ª edición. 
O proxecto de Anduriña25 é unha nave híbrida con capacidade de despegue vertical (VTOL) e carga de ata 5 kg que permite voar en condicións de fiabilidade, eficiencia e seguridade.

Patricia Argerey felicitou aos responsables de Anduriña25 polos avances no seu proxecto e puxo en valor a traxectoria da startup con este dron deseñado desde cero que se atopa na última fase de probas e preparado para saír ao mercado en 2024. O seu próximo reto será converterse no primeiro VTOL certificado de clase C3 con hidróxeno e, ademais, ten presentado un ambicioso proxecto á convocatoria do Programa Tecnolóxico Aeronáutico do CDTI en consorcio con outras compañías.

Nesta quinta edición, a Business Factory Aero acadou un importante alcance fóra do noso país, ao recibirse máis de 25 propostas internacionais, consolidándose así o Polo Aeroespacial de Galicia como reclamo para emprendedores e emprendedoras de todo o mundo. Do total de proxectos candidatos que optan a entrar nesta 5ª edición un 46 % proceden de: India (15), Estados Unidos (10), Reino Unido (5), Suíza (4), Turquía (3), Alemaña (3), Italia (3), Canadá (2), Estonia (2), Ucraína (2), Países Baixos (2), Brasil (2), Francia (1), Australia (1), Colombia (1), Singapur (1), Chile (1), Paquistán (1), Finlandia (1), República Checa (1), Bolivia (1), Xapón (1), México (1), Venezuela (1) e Xordania (1). Na edición anterior a porcentaxe de participación internacional rexistrada foi dun 11 %.

Respecto dos 78 proxectos presentados procedentes de diferentes provincias españolas, 18 corresponden a A Coruña, 16 a Madrid, 11 a Barcelona, 6 a Pontevedra e 4 a Ourense. Santa Cruz de Tenerife, Lugo e Lleida achegan 3 proxectos en cada caso; Murcia, Valencia, Alacante, Guipúscoa e Mallorca, 2; e Xirona, Sevilla, León e As Palmas, 1.

O nivel das candidaturas tamén mellorou respecto a edicións anteriores e abranguen distintas especificidades dentro do sector aeroespacial: equipos de control, navegación por satélite, plataformas para a explotación ou o primeiro complexo de lanzamento centralizado con base en Europa. Hai ademais propostas novidosas como dirixibles cautivos, drons mariños ou aeronaves lixeiras para lecer. Nesta quinta convocatoria recibíronse tamén proxectos con aplicación noutros campos como o fotovoltaico, a aeroxeneración, a agricultura, o deporte ou os espectáculos visuais a través de drons.

Gaña peso o itinerario de incubación

Por itinerario, un 47 % dos proxectos optan a entrar no de incubación, que gaña peso respecto da 4ª edición -na que representaba un 41 %-; no de aceleración un 41 % e un 
12 % no de consolidación. Segundo a súa tipoloxía un 91 % (130) son startups, un 6 % (9) son spin-outs e un 3 % corresponden a spin-off (5) da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidad Politécnica de Madrid e do Instituto Tecnolóxico de Galicia.

A área temática que máis solicitudes recolleu foi a de aplicacións dos vehículos non tripulados para mercados concretos, que representa o 45 % das propostas; un 39 % a plataformas e os seus compoñentes; e un 16 % a equipos e sistemas, tanto embarcados como en terra. O nivel de madurez da tecnoloxía dos proxectos presentados é variado, rexistrándose as maiores porcentaxes nos máis próximos ao mercado, e polo tanto con maiores posibilidades de que as empresas cheguen a éxito no mercado, sexan capaces de valorizar a innovación nos deus proxectos e crecer a medio e longo prazo.

Respecto da traxectoria innovadora dos proxectos, cabe sinalar que seis dos candidatos teñen participado nalgún dos instrumentos do Consello Europeo de Innovación (EIC); 4 nalgunha das Comunidades de Coñecemento e Innovación do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía e un recibiu o Selo de Excelencia do EIC. Isto amosa o alto nivel das candidaturas, que xa teñen competido en Europa con proxectos de alto nivel.

Proceso de selección

O equipo de selección da BFAero está a traballar xa no proceso de selección, no que se escollerán un máximo de 3 proxectos a incubar durante 12 meses, ata 5 proxectos a acelerar en 8 meses e 3 máis a consolidar durante 6 meses.

Os 11 proxectos seleccionados accederán á comunidade de empresas da Civil UAVs Initiative, así como aos medios técnicos, servizos e infraestruturas do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e aos proporcionados por outras entidades colaboradoras da Business Factory Aero. Tamén disporán de oficina na área de coworking da Fundación CEL, contarán con mentores de gran prestixio e experiencia no sector aeroespacial e terán contacto con investidores para acadar o máximo apoio económico no desenvolvemento dos seus proxectos.

Datos e casos de éxito da BFAero

A BFAero completou xa 4 edicións cun total de 30 empresas participantes nos diferentes itinerarios. O programa posibilitou a creación de 9 empresas e un total de 119 empregos cualificados, cun investimento directo de 6,6 millóns de euros.

A aceleradora galega do sector aeroespacial conta con destacados casos de éxito nestas catro convocatorias, sendo fitos relevantes da cuarta edición a apertura dun novo centro de traballo en Galicia e o acordo de transferencia de tecnoloxía coa Universidade de Stuttgart de Kreios; o primeiro contrato coa a Axencia Galega de Infraestruturas para a realización dunha proba piloto de Aguia ou a constitución dunha sociedade filial en Galicia de Ahyres, as tres no itinerario de incubación.

En aceleración, Enercraft conta xa con novas instalacións no viveiro de empresas de Barro e avanza nas probas da solución inicial con empresas do ámbito da BFAero e da Civil UAVS Initiative; Cielum asinou un contrato coa empresa Net2fly para a súa plataforma de xestión de operacións con drons e realizou varias demos cos sandbox U-Space existentes en España; Beagle está a desenvolver a súa familia de produtos (sistemas de vixilancia aérea complementarios ás cámaras convencionais que reciben información de posición e orientación de alta frecuencia en tempo real amosándoa sobre un mapa 3D) e Anduriña presentou un ambicioso proxecto á convocatoria do Programa Tecnolóxico Aeronáutico (PTA) do CDTI en consorcio con outras compañías.

Finalmente, no itinerario de consolidación cabe destacar o proceso de internacionalización do mercado de Atom, que mira a Chile, Australia e Uzbekistán nesta nova fase; Cíes continúa demostrando capacidades (proba piloto sobre queima controlada simulando condicións operativas de actuación en incendios forestais) ante potenciais clientes e Fuvex ten xa un acordo con Naturgy para a inspección e mantemento preditivo de máis de 100.000 km de tendido eléctrico con drons.

0.1803138256073