A biblioteca de Xermade celebra o Día do Libro con actividades participativas e unha presentación literaria

A Biblioteca Pública Municipal de Xermade celebrou este xoves o Día do Libro cunha xornada chea de actividades dirixidas a fomentar a lectura e a participación da veciñanza. Durante o evento, as persoas usuarias que acudiron a retirar libros recibiron como agasallo flores elaboradas con materiais reciclados, nunha iniciativa que combinou cultura e sustentabilidade.
Ademais, os máis pequenos puideron participar nun obradoiro creativo no que deseñaron e colorearon marcapáxinas, contribuíndo así a achegar a lectura ao público infantil dun xeito lúdico.
A programación completouse coa presenza da autora María Timiraos, que presentou a súa obra No me rompí del todo. Durante o acto, a escritora abordou temas como a depresión e o acoso escolar que sufriu na súa infancia, ofrecendo unha testemuña persoal que conectou co público asistente.