A Biblioteca de Xermade entregará os premios aos gañadores do Certame das Letras Galegas nunha tarde de teatro

TerraChaXa
Terá lugar a representación teatral 'As letras que voan con nome de muller', a cargo de Trémola Teatro
entrega-premios-xermade
5 Jun 2026

A Biblioteca Municipal de Xermade acollerá o xoves 11 de xuño unha xornada dedicada á celebración das Letras Galegas 2026, na que se fará entrega dos premios do Certame de Debuxo e Narración organizado con motivo desta conmemoración.

No apartado de narración, na categoría A resultaron premiadas Mara Piñeiro Campo, Idril Toledo Caparrós e Kendra Toledo Caparrós. Na categoría B, os recoñecementos foron para Elena Gato Ares, Cedric Toledo Caparrós e Martina Fernández Salgado.

No certame de debuxo, os galardóns da categoría A recaeron en Idril Toledo Caparrós, Yago Cendán Pico e Manuel de Rosende Paz. Pola súa banda, na categoría B foron distinguidos Martina Fernández Salgado, Elena Gato Ares e Cedric Toledo Caparrós.

Desde a biblioteca trasladaron os seus parabéns ás persoas premiadas e agradeceron tamén a participación de todos os nenos e nenas que contribuíron ao éxito da convocatoria coa súa creatividade, ilusión e compromiso coa lingua galega.

A entrega de premios celebrarase ás 17.30 horas nas instalacións da biblioteca. Posteriormente, ás 18.00 horas, terá lugar a representación teatral As letras que voan con nome de muller, a cargo de Trémola Teatro.

A obra propón unha viaxe polo universo das Letras Galegas a través da figura de Begoña Caamaño e doutras mulleres homenaxeadas ao longo da historia desta celebración, destacando o papel das escritoras que contribuíron a abrir camiños e a facer escoitar a súa voz a través da literatura.

Con esta iniciativa, a Biblioteca Municipal de Xermade busca fomentar a participación cultural, promover a lectura e poñer en valor a lingua e a literatura galegas nunha tarde que combinará recoñecementos, teatro e celebración arredor das nosas Letras Galegas.

0.15601205825806