A Biblioteca de Xermade entregou os premios aos gañadores do Certame das Letras Galegas

A Biblioteca Municipal de Xermade acolleu unha emotiva xornada coa entrega de premios do Certame de Debuxo e Narración das Letras Galegas 2026, nun acto que serviu para recoñecer a creatividade, o esforzo e a ilusión das persoas participantes nesta edición.
No apartado de narración, na categoría A resultaron premiadas Mara Piñeiro Campo, Idril Toledo Caparrós e Kendra Toledo Caparrós. Pola súa banda, na categoría B, os galardóns foron para Elena Gato Ares, Cedric Toledo Caparrós e Martina Fernández Salgado.
No certame de debuxo, os premios da categoría A recaeron en Idril Toledo Caparrós, Yago Cendán Pico e Manuel de Rosende Paz, mentres que na categoría B as persoas distinguidas foron Martina Fernández Salgado, Elena Gato Ares e Cedric Toledo Caparrós.
Durante o acto trasladáronse os parabéns a todas as persoas participantes e, de maneira especial, ás gañadoras e gañadores desta edición, destacando a súa contribución á promoción da lingua e da cultura galegas a través da creación artística e literaria.
A programación continuou coa representación de As letras que voan con nome de muller, a cargo de Tremola Teatro, unha proposta que permitiu ao público realizar unha viaxe polas Letras Galegas para descubrir e reivindicar o legado de mulleres que deixaron unha fonda pegada na literatura e na sociedade galega.
A celebración contou tamén coa presenza de numerosas familias e persoas asistentes, ás que a organización agradeceu a súa participación, así como a colaboración de todas aquelas persoas que fixeron posible o desenvolvemento da actividade.
Desde a biblioteca reafirmaron o seu compromiso de continuar promovendo iniciativas que fomenten a lectura, a creatividade e o amor pola lingua galega entre a veciñanza.